O aparcadoiro do Materno-Infantil custaralle a Emvsa 2,4 millóns malia a súa delicada situación
A Coruña, 13 de decembro de 2013.- A Xunta de Goberno Local desta mañá concedeulle a Emvsa a licenza para a construción dun aparcadoiro público no ámbito do Hospital Materno-Infantil e Centro Oncolóxico de Galiza. Tras o estudo do expediente, o Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que o orzamento de execución material do aparcadoiro ascende a 2.400.000 euros, uns cartos que correrán pola conta e risco de Emvsa, xa que terá que asumir o 100% da construción. O Bloque denuncia que malia que será Emvsa quen poña os 2,4 millóns, o orzamento da empresa municipal para o 2014, cuns gastos previstos de 3.101.130 euros, non recollen a encomenda de xestión deste aparcadoiro.
Pola outra banda, as nacionalistas fan alusión á delicada situación económica de Emvsa. A última memoria de xestión da empresa municipal evidencia a necesidade de financiamento adicional e sinala que a situación económica actual e as dificultades para acceder a financiamento están a xerar incerteza. As nacionalistas responsabilizan desta delicada situación económica as múltiples e variadas xestións que lle encomenda a Emvsa o Goberno do PP. Amais da construción e explotación do aparcadoiro do Materno-Infantil e do Oncolóxico, o Goberno do Sr. Negreira encomendoulle a construción do aparcadoiro das Conchiñas, a realización da revisión do PEPRI e a xestión das multas por infraccións de tráfico.