A reunión de Fomento sobre aeroportos, unha declaración de intencións sen ningunha conclusión
A Coruña, 21 de maio de 2013.- O Grupo Municipal do BNG advirte de que a reunión de coordinación dos aeroportos galegos, convocada a instancias do Ministerio de Fomento, só foi unha declaración de intencións sen ningún tipo de conclusión. Por iso, as nacionalistas emprazan as administracións implicadas a que presenten feitos concretos para avanzar na complementariedade dos tres aeroportos galegos, co fin de crear o sistema aeroportuario de Galiza.
O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que a reunión convocada por Fomento chega con demora, cando xa se deron importantes perdas de tráfico aéreo que prexudicaron A Coruña, a Santiago de Compostela e a Vigo. Neste sentido, as nacionalistas sinalan que a perda de tráfico aéreo nos tres aeroportos non se pode achacar integramente á crise, senón, máis ben, á falta de coordinación e dunha xestión eficaz. Engaden que o constante desleixo tanto da Xunta de Galiza como do Goberno do Sr. Negreira nos dous últimos anos propiciou unha competencia entre os tres aeroportos que só conduciu á potenciación do aeroporto portugués Saa Carneiro.
As nacionalistas insisten en que a solución á crise de Alvedro pasa pola transferencia de competencias en materia aeroportuaria a Galiza para poder deseñar, así, unha política propia. Debido ao modelo actual de xestión centralista, apuntan, Galiza non pode organizar nin xestionar o seu espazo aéreo. Salientan que este modelo unipolar e centralista intensifica a condición periférica do noso país e impide a viabilidade de Alvedro. Coa transferencia das competencias, conclúen as nacionalistas, non teríamos que facer escala en Madrid nin teríamos que pedir permiso para chegar aos puntos de destino que máis nos conveñan.
Neste contexto, o Grupo Municipal do BNG empraza o Sr. Negreira a ter altura de miras para deseñar un sistema aeroportuario galego, polo que lle esixe ao alcalde da Coruña que se poña en contacto co presidente da Xunta para que, dunha vez por todas, convoque todas as forzas políticas e as autoridades locais para debater en serio sobre a creación do sistema aeroportuario de Galiza.