O Goberno municipal nada fai por evitar o desmantelamento do ferrocarril A Coruña-Ferrol
A Coruña, 21 de maio de 2013.- O Grupo Municipal do BNG critica o pasotismo do Goberno municipal en relación ao desmantelamento, entre outras, da liña de ferrocarril entre A Coruña-Ferrol, un dos corredores que sufrirán graves recortes e supresión de servizos, á vista dos plans do Goberno central. A ministra de Fomento, compañeira de partido do Sr. Negreira, prevé reducir en 24 o número de frecuencias á semana.
Segundo o borrador que posúen os sindicatos, o Partido Popular pretende deixar en 42 o número de frecuencias semanais no tramo A Coruña-Ferrol, en lugar das 66 frecuencias que unen ambas as cidades cada semana. Ademais, pechará as paradas con un pasaxeiro ou pasaxeira ao día e deixará só cun traxecto por día as paradas que empregan entre 1 e 5 persoas ao día. É o caso de Cecebre, Cambre ou Oza dos Ríos, vilas en que, practicamente, desaparecerá o servizo.
No pasado Pleno ordinario de maio, que tivo lugar o día 6, o Grupo Municipal do BNG presentaba unha moción contra o desmantelamento do tren, moción que o PP impediu debater. As nacionalistas volvían lembrar o propósito dos plans do Ministerio de Fomento e emprazaban o Concello da Coruña a, entre outras cuestións, a loitar polo mantemento dos actuais servizos ferroviarios que Renfe presta na nosa cidade. Tamén reclamaban que se desen os pasos necesarios para artellar un tren de proximidade e media distancia. Precisamente, Galiza será unha das autonomías peor paradas cos recortes do PP no ferrocarril, ao non dispor de tren de cercanías.