Remata "Coruña Wapa" e o PP mantén oculto o adxudicatario do concurso (180.000)
A Coruña, 11 de novembro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG denuncia irregularidades na contratación do Servicio de organización, produción e comunicación do evento Coruña Wapa que, malia que remata mañá, se atopa en fase de valoración, tal e como pode comprobarse no perfil do contratante.
As nacionalistas pregúntanse que leva o Partido Popular a manter oculto o adxudicatario deste contrato de procedemento aberto que ascende a 180.000 euros e anuncian que solicitarán o acceso ao expediente de contratación para coñecer o porqué desta opacidade e a quen benefician eses 180.000 euros.
Por último, o Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que os comerciantes denunciaron que as actividades de Coruña Wapa non supuxeron ningunha dinamización real da actividade comercial e advirte de que, a pesar do contrato que lles custa ás coruñesas 180.000 euros, o mercado de oportunidades que tivo lugar esta fin de semana no mercado de Santo Agostiño non se publicitou de xeito ningún.