O PP hipotécanos para construír o túnel da Mariña con 4 millóns de euros de empréstito
A Coruña, 11 de novembro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que 4 dos 11,5 millóns de euros en empréstitos que recollen os orzamentos de 2014 corresponden ao túnel da Mariña. Así, o Partido Popular hipoteca o pobo da Coruña para financiar o capricho do Sr. Negreira, un túnel innecesario que non debería asumir o Concello da Coruña, senón a Autoridade Portuaria, e que non conta con cartos das outras Administracións.
O BNG amósase moi crítico coa intención do Sr. Negreira de impulsar o centro da Coruña en detrimento dos barrios, tratados polo PP como unha periferia. As nacionalistas advirten de que os orzamentos municipais do ano que vén están pensados para potenciar unha parte moi concreta da cidade, o centro, e certifican o abandono dos barrios. Con esta política de centralización da que presume o Sr. Negreira, o PP vai crear dúas Coruñas: unha Coruña de primeira e unha Coruña de segunda, unha Coruña rica e unha Coruña pobre.
Os orzamentos confirman o encarecemento do recibo da auga
Pola outra banda, o Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que os orzamentos de 2014 confirman o encarecemento do recibo da auga, unha suba que o ano pasado levou as nacionalistas a percorrer os barrios da cidade.
As contas recollen a previsión do ingreso da repartición de beneficios de Emalcsa, unha previsión de 6,52 millóns (nas contas de 2013, a previsión fora de 4,25 millóns). Estes cartos, salienta o BNG, proceden do incremento de tributos de abastecemento e de saneamento.
A Compañía de Tranvías recibirá 7,5 millóns do Concello, cantidade que podería ser insuficiente
Ademais, o BNG advirte de que os orzamentos municipais de 2014 revelan que a Compañía de Tranvías recibirá do Concello da Coruña un total de 7,5 millóns de euros, 500.000 euros máis que a partida consignada nos orzamentos de 2013. Estes 7,5 millóns poderían ser insuficientes. á vista do que sinala a Intervención do Concello no seu informe. Na páx. 14 do citado documento, o interventor apunta que non existe xustificación de que vaia ser suficiente para dar cobertura ás obrigas que se devenguen en 2014 por este concepto.