O BNG leva ao Parlamento o colapso das Urxencias do CHUAC

O BNG leva ao Parlamento o colapso das Urxencias do CHUAC

chuacA Coruña, 11 de novembro de 2013.- O BNG vén de levar ao Parlamento de Galiza o caos permanente que se vive nas Urxencias do CHUAC, cando o Sergas segue a manter un total de 25 camas fechadas no Abente y Lago. A instancias do BNG da Coruña, a deputada do BNG portavoz en materia de Sanidade, Montse Prado, e mais o portavoz parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, rexistraron unha batería de iniciativas (achéganse xunto á nota de prensa) co fin de que a Xunta de Galiza abra as 25 camas fechadas do Abente y Lago e co fin de axilizar as obras das Urxencias do CHUAC.

Na proposición non de lei que o BNG levará a Pleno e a Comisión, as nacionalistas reclamarán que, de xeito inmediato, se abra a planta con 25 camas pechadas no Abente y Lago e que, no menor tempo posíbel, se rematen as obras de ampliación dos servizos de Urxencias do CHUAC. Ademais, en resposta á pregunta oral que formulará o BNG en Pleno e en Comisión, a responsábel do Sergas terá que dar a cara e explicar os motivos que levan o PP a manter pechadas as camas do Abente y Lago cando se producen, reiteradamente, colapsos nas Urxencias do CHUAC.

Pola outra banda, nunha serie de preguntas para a resposta escrita, o BNG interésase polas actuacións que realizou o Sergas diante do colapso das Urxencias do CHUAC, polas medidas que ten previsto adoptar para evitar este caos, polo número de camas baleiras no complexo hospitalario a 31 de outubro de 2013 e polas razóns que levan a Xunta de Galiza a manter pechadas as 25 camas do Abente y Lago cando, precisamente, se están a producir demoras nos ingresos e cando as listas de espera non fan máis que medrar.

O balance do PP na área sanitaria da Coruña: promesas incumpridas e orzamentos sen executar

Montse Prado e Francisco Jorquera poñen de manifesto que o PP ten a área sanitaria da Coruña afogada polos recortes e sometida a unha política de “acoso e derribo”: con menos persoal, menos orzamentos, menos medios e coas listas de espera disparadas. Sinalan que “é habitual a imaxe dun elevado número de persoas agardando por camas durante horas en sillóns, cadeiras de rodas ou padiolas” e critican que “mentres isto ocorre nas Urxencias do CHUAC, o Sergas mantén pechadas 25 camas no Abente y Lago”.

“Estamos diante dun problema de primeira orde que o PP non ten como prioridade”, denuncian Prado e Jorquera, que critican as promesas sistematicamente incumpridas e as partidas orzamentarias sen executar.

 

O BNG leva ao Parlamento o colapso das Urxencias do CHUAC