O BNG non apoia a aprobación inicial da ordenanza de terrazas por ser arbitraria e inconcreta
A Coruña, 4 de marzo de 2013.- O Grupo Municipal do BNG abstívose na votación da aprobación inicial da ordenanza reguladora da instalación de terrazas en espazos públicos. As nacionalistas non apoiaron a aprobación inicial ao entender que a ordenanza non é nada técnica, fáltalle concreción real, é arbitraria e provoca inseguridade xurídica, en palabras de Ermitas Valencia. Trátase dunha falta de concreción que permite facer e desfacer a demanda e que pode ser perigosa á hora de conceder e denegar licenzas, apuntou. A arbitrariedade non vai axudar, en nada, nin ao sector nin a veciñanza, engadiu.
A concelleira do BNG denunciou as incongruencias que recolle a exposición de motivos da ordenanza co articulado en cuestións como a protección dos dereitos do pobo ou protección da paisaxe urbana. Tamén denunciou que amplíe descaradamente o espazo susceptíbel de ser utilizado, abrindo a man a terrazas-mamotretos como os de María Pita se leven a outras prazas da cidade. Ademais, expuxo que a instalación de elementos fixos significa na práctica acurtar día e noite, e todo o ano, unha boa parte da vía pública.
Valencia sinalou que a flexibilidade non é ocultación de criterios e puxo de manifesto que en lugar de resolver un problema, tantas excepcións á norma xeral van crear conflitos. De aí que propuxera que a norma recolla as excepcións.
O PP está a afogar a hostalaría, mentres lle perdoa máis de 1 millón euros á Autoridade Portuaria
A concelleira do BNG denunciou na súa intervención que o sector da hostalaría está a notar moito a crise, quizais esteamos no peor ano a nivel de baixada de consumo. En coherencia coas políticas antisociais que aplica o Sr. Rajoy desde Madrid, vostedes tamén pisan os pequenos, provocando a súa desaparición, para defender o grande. E isto ten un nome: neoliberalismo, salientou.
Así, criticou que o Goberno municipal apoie o sector da hostalaría pretendendo recadar 200.000 euros dos petos dos e das autónomas e pequenas empresas familiares que rexentan, maioritariamente, a hostalaría da Coruña, despois de terlle perdoado máis de 1 millón de euros á Autoridade Portuaria ao conxelarlle o Imposto de Bens Inmóbeis (IBI).