Queremos recuperar a bandeira azul para a praia de Oza
Co motivo da entrega esta mañá dos distintivos que outorga aos areais anualmente a Fundación Europea de Educación Ambiental, presentaremos unha iniciativa a respecto das actuacións que ten pensado desenvolver o Goberno municipal para a recuperación en vindeiros anos da bandeira azul para o areal de Oza.
Imos presentar unha iniciativa co obxecto de saber cales son as actuacións que realizará o Goberno da Marea Atlántica para tentar recuperar para o areal urbano o distintivo europeo perdido en 2014
Lembramos que este distintivo foi retirado da praia de Oza no ano 2014 debido a un descenso na calidade da súa auga, pasando naquela altura dunha clasificación de excelente a boa, segundo as medicións e parámetros esixidos polo RD 1341/2007 que determina a xestión das calidades das augas de baño.
Neste sentido, naquela altura, preguntabamos ao Goberno municipal, no mandato do Partido Popular, polas razóns desta retirada, alegándose desde o executivo de Negreira que se investigaría para tratar de descubrir cales foron as razóns que motivaron este feito, e así poñer os medios oportunos para a súa emenda, mais non se fixo o informe das causas que determinaron esta baixada de calidade ambiental da auga do areal de Oza. Nesas datas, e en declaracións aos medios, o alcalde Carlos Negreira responsabilizaba da retirada da bandeira azul a casos coxunturais.
Para nós, e despois de dous anos, cómpre pois aclarar as circunstancias polas que foi retirada a bandeira azul en 2014. O Grupo Municipal do BNG segue a preguntarse se a retirada da bandeira azul se debeu á contaminación da ría do Burgo, onde está inserida esta praia, se ten a ver coa falta de solucións para a desembocadura do río Monelos, se pode deberse á balsa de lodos enterrada baixo o Marina Seca ou se se debe ás descargas de carbón no porto da Coruña. Neste sentido, queremos con esta iniciativa saber se o Goberno municipal ten pensado realizar algunha actuación co obxecto de tentar recuperar a bandeira azul para os vindeiros anos., conclúe a nosa concelleira Avia Veira.
Artigos relacionados:
- Interesámonos polas actuacións a desenvolver na praia, costa e contorna de Oza
- O BNG denuncia as contradicións do Goberno local en relación á retirada da bandeira azul de Oza
- O BNG empraza o Sr. Negreira a facer público o informe sobre a calidade ambiental da auga de Oza
A Coruña, 1 de xuño de 2016