Interesámonos pola retirada de persoal no Centro Galego de Artes da Imaxe
Esta mañá presentamos sendas iniciativas no Parlamento de Galiza a respecto da proposta de modificación da relación de postos de traballo formulada pola AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais) para o Centro Galego das Artes da Imaxe (CGAI).
A proposta da AGADIC, de levarse a cabo, suporía unha redución de máis do 40% das prazas de persoal das que chegou a contar o centro para asegurar o seu normal funcionamento, responde ás continuadas políticas de recortes e continúa o proceso de desmantelamento da cultura do País.
Presentamos no Parlamento de Galiza sendas iniciativas para a defensa dos postos de traballo do CGAI tras a proposta de modificación formulada pola AGADIC que, de levarse a cabo, suporía unha redución de máis do 40% das prazas de persoal das que chegou a contar o centro para asegurar o seu normal funcionamento
O CGAI non foi alleo aos brutais recortes practicados polos sucesivos Gobernos presididos polo Sr. Núñez Feijóo no eido da cultura (os recursos asignados á nosa cultura pola Xunta de Galiza, con cargos aos Orzamentos Xerais da Comunidade Autónoma, experimentaron desde 2009 un recorte acumulado do 56%). A situación precaria que padece o CGAI froito dos recortes fai que hoxe se amoreen nos corredores do centro centos de latas da nosa memoria audiovisual co perigo de que se estraguen obras imprescíbeis da nosa memoria audiovisual e outros materiais.
Deste xeito, criticamos que na proposta de RPT que propón o AGADIC, no só se contempla a amortización de prazas non ocupadas, senón que tamén se contempla a amortización de postos de traballo ocupados por persoal laboral. Así, indican, contémplase un recorte do 50% do persoal que desde hai máis de trece anos, se encarga da operación cinematográfica e audiovisual e da asistencia técnica da área de proxección cinematográfica, elementos imprescindibles no normal funcionamento do centro.
De materializarse esta proposta toda esta actividade será atendida por un só técnico especializado, algo que é totalmente inviábel. A proposta inicial presentada por AGADIC ameaza tamén a pervivencia do servizo de consulta do fondo bibliográfico (ao contemplar a desaparición da figura da bibliotecaria) e do servizo de préstamo do seu fondo audiovisual, orientado sobre todo a atender a demanda do mundo educativo. Estariamos asistindo ao desmantelamento encuberto do CGAI, provocando un grave dano á preservación do noso patrimonio audiovisual e fotográfico e á propia subsistencia do sector audiovisual galego.
Avia Veira: Consideramos que de materializarse esta proposta estariamos asistindo ao desmantelamento encuberto do CGAI posto que proposta inicial presentada por AGADIC impediría o normal funcionamento do centro e é incompatíbel co desenvolvemento das funcións que ten encomendadas
Lembramos que desde a data da súa creación as instalacións do centro están situadas na Casa da Cultura Salvador de Madariaga na Coruña e, como institución responsábel da administración autonómica no ámbito audiovisual, é o único centro en Galiza dotado das últimas tecnoloxías en proxección técnica e cinematográfica, dando soporte ao conxunto do audiovisual galego.
"Recordamos que o CGAI ten como funcións, entre outras, a recuperación, catalogación, custodia e difusión das producións e obras do patrimonio audiovisual e fotográfico galego, a programación de proxeccións, exposicións, conferencias, publicacións etc, co fin de proporcionar un maior coñecemento das artes da imaxe, a colaboración, cos obxectivos anteriores, en actuacións na Galiza e no exterior, ou a participación na promoción da produción audiovisual galega en mercados, mostras e festivais etc. Entendemos pois que o CGAI é unha institución chave no noso tecido cultural, ao asumir a función, entre outras, de arquivo audiovisual e filmoteca nacional que acolle as obras do patrimonio audiovisual e fotográfico galego., sinala a nosa concelleira Avia Veira.
Por todo isto levamos ao Parlamento, tanto a Pleno como a Comisión, unha batería de preguntas nas que inquirimoslle ao Goberno galego sobre se vai retirar as propostas formuladas pola AGADIC, así como presentamos unha Proposición non de lei na que se solicitamos precisamente retirar esa mesma proposta de modificación da relación de postos de traballo no CGAI e proceder á reposición das prazas amortizadas para dotar Centro dun cadro de persoal que permita o desenvolvemento pleno das funcións que ten encomendadas.
Preme aquí para ver as iniciativas presentadas:
- Proposición non de lei para debate en Pleno
- Proposición non de lei para debate en Comisión
- Pregunta oral para contestación en Pleno
- Pregunta oral para contestación en Comisión
- Pregunta para contestación escrita
A Coruña, 30 de maio de 2016