O ministro de Industria negouse a garantir o mantemento dos postos de traballo en Alcoa
A Coruña, 2 de outubro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG denuncia que o ministro de Industria non comprometeu o mantemento dos postos de traballo na planta de Alcoa na Coruña nin se implicou co mantemento da actividade industrial desta fábrica. Engaden os nacionalistas que o ministro nin sequera aludiu á tarifa enerxética galega proposta polo BNG. E é que non é de recibo que Galiza, segunda produtora de enerxía eléctrica e excedentaria, non se beneficie da especialización dispoñíbel noutros lugares. Así, o Grupo Municipal do BNG reivindica rematar coa fraude tarifaria, esixindo unha tarifa máis baixa para Galiza, como territorio excedentario na produción de enerxía eléctrica.
Ademais, os nacionalistas consideran unha falta de respecto, unha desconsideración e unha burla ao conxunto dos traballadores de Alcoa que o ministro de Industria se negase a recibir o Comité de Empresa, nunha manobra que o BNG ve "sospeitosa". O Grupo Municipal do BNG, que critica a incapacidade do Sr. Negreira para facer que o ministro escoitase os representantes dos traballadores, lamenta que o ministro non se comprometera co mantemento da actividade industrial na planta que Alcoa posúe na Coruña.
O BNG propón unha tarifa eléctrica galega que remate coa fraude tarifaria
O Grupo Municipal do BNG advirte de que a actual situación de Alcoa é consecuencia da falta de políticas industriais da Xunta e da incapacidade do Sr. Negreira para defender os intereses da Coruña. Os nacionalistas indican que o Goberno central do PP adoptou decisións en materia de política tarifaria que, claramente, van en contra do mantemento desta empresa, sen que a Xunta nin o Concello da Coruña fixeran nada ao respecto.
Os nacionalistas definen a situación actual de Alcoa como "o fracaso dunha estafa á sociedade que supuxeron as privatizacións de empresas públicas que se levaron adiante no Estado e á falta de política industrial da Xunta de Galiza e a súa incapacidade para defender os intereses do noso País".
Os nacionalistas apoiarán os traballadores na macro-foto ao pé da Torre de Hércules
Pola outra banda, o BNG da Coruña apoiará esta tarde ao pé da Torre de Hércules os traballadores de Alcoa, que sacarán unha macro-foto en defensa dos postos de traballo. Participarán, entre outros, a deputada e candidata pola Coruña, Ana Luísa Bouza, ou o concelleiro Xan Caxigal.