Só faltaría que logo dos beneficios por conta da cidadanía, Tranvías non renove parte da frota
A Coruña, 23 de setembro de 2013.- O Grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego sinala que logo dos beneficios líquidos, despois de impostos (segundo as contas económico-financeiras da Compañía de Tranvías correspondentes ao 2012), pola actividade propia da sociedade por un valor de 2.749.588,25 euros (a sociedade obtivo uns beneficios 4.665.166,06 euros) por conta da cidadanía, a través das subvencións municipais por máis de oito millóns e o incremento das tarifas, só faltaría que a empresa non renove parte da flota con oito novos buses urbanos, cando, ademais, a renovación é unha obriga legal derivada dos criterios de reparto e asignación das subvencións do Estado.
E é que como sinalou a primeiros do pasado mes de agosto o BNG, tras revelar as contas económico-financeiras da Compañía no ano 2012, a concesión do servizo urbano de autobús representa un auténtico desastre para o Concello da Coruña. As nacionalistas sinalaron no seu día que as cifras de negocio de Tranvías poñen de manifesto que o Concello subvencionou a Compañía de Tranvías con 8.043.915,22 euros, cantidade que representa o 36,66% sobre a cifra de negocios. Denunciaron que o déficit de explotación subvencionábel da empresa foi de 3.703.931,39 euros. Porén, o Concello transferiulle á empresa un total de 8.043.915,22 euros, é dicir 4.339.983,83 euros máis do que garantía o equilibrio económico-financeiro do servizo. E isto malia que o Concello da Coruña recibiu do Estado no 2012 só 1.423.688,18 euros en concepto de subvención ao transporte.
As nacionalistas teiman, máis unha vez, en que o Goberno local ten que revisar a concesión da Compañía de Tranvías (en base ao artigo 7.1 do Regulamento do Servizo de Transporte Urbano da Coruña) e, nomeadamente, a fórmula para o cálculo da tarifa (en base ao artigo 12.3 do Convenio regulador da concesión).