Propostas do BNG: poñer A Coruña a producir, defender os servizos públicos e democracia
A Coruña, 19 de setembro de 2012.- O BNG da Coruña mantivo esta tarde en Durmideiras un encontro aberto á veciñanza en que presentou os eixos centrais do programa co que a formación frontista concorrerá ás eleccións do 21 de outubro. No acto, celebrado na praza Galatea e que rematou cunha charla-coloquio en que participou da veciñanza, o portavoz nacionalista no Concello da Coruña, Xosé Manuel Carril, puxo de manifesto que os tempos que corren precisan de algo máis que dunha alternancia no goberno, requiren cambios rotundos na orientación das políticas que está a aplicar o PP e que só traen máis recortes, máis desemprego e máis empobrecemento. Fronte ás políticas da dereita, que emprega a crise para impoñer máis neoliberalismo, o BNG ten como prioridades a creación de emprego, a defensa dos servizos sociais públicos e a rexeneración democrática, sinalou Carril, en alusións aos puntos en que se artella o programa dos e das nacionalistas.
Hai que poñer A Coruña a producir: ría do Burgo, comercio, polígonos industriais...
O portavoz do BNG no Concello da Coruña apuntou que é necesario un cambio radical das políticas económicas, hai que apostar polo noso tecido produtivo e na Coruña temos uns sectores estratéxicos que o PP mantén no abandono e que cómpre impulsar. Falou da ría do Burgo e criticou que o desleixo do PSOE e do PP levaran ao calamitoso estado en que se atopa. Denunciou que os orzamentos do Estado non recolleron nin un só céntimo para o saneamento da ría e acusou a Negreira de ser cómplice desta discriminación á Coruña, xa que rexeitou unha moción do BNG para dotar a limpeza da ría de 2 millóns de euros.
Tamén aludiu ao comercio, en vez de apoiar o sector, o PP estalle a dar o tiro de gracia. Así, lembrou que o Sr. Negreira eliminou máis de 200.000 euros destinados á promoción do comercio e criticou que as novas medidas do PP atentan contra un dos sectores estratéxicos da cidade. A suba do IVE, a liberalización do horario comercial e a suba do IRPF para persoas autónomas significa ferir de morte o pequeno e mediano comercio, alertou. Chamou a atención sobre a liberalización do horario comercial, dada a cantidade de grandes centros comerciais que hai na cidade, froito da especulación do vazquismo, que converteu A Coruña nun bazar na periferia. Ademais da ría do Burgo e do comercio, Carril referiuse á hostalaría, á pesca, ás actividades marítimo-pesqueiras, aos polígonos industriais, aos empregos verdes e á universidade.
O emprego centrou gran parte da intervención do nacionalista, quen advertiu de que non son suficientes os cursos anunciados hoxe polo Goberno local, tendo en conta que o Goberno do Sr. Negreira recortou 4 millóns en materia de emprego e comercio e que deixou sen gastar medio millón de euros da partida destinada a formación para o emprego dos orzamentos de 2011. Lembrou que desde que goberna o PP, o paro subiu na Coruña o 20% e criticou que no último modificativo de crédito o Sr. Negreira acordara destinar cartos para festas e regatas e 0 euros para loitar contra o desemprego.
E o colmo, afirmou, é escoitar o concelleiro de Servizos Sociais presumir por ter que aumentar as axudas de emerxencia social.Precisamente, a situación de emerxencia na cidade vén provocada polas políticas neoliberais e contra as maiorías sociais aplicadas polo PP.
E a guinda, engadiu, chegou co anuncio do número 1 do PP pola provincia, a Coruñesa Beatriz Mato, á que cualificou como o retrato dos ERE en Mafecco, Caramelo, Emesa Trefilería, Emesa, Sykes, Atento e Bunge Ibérica. Feijóo e Negreira premiaron a Mato por afundir a nosa cidade e a nosa comarca, demostrando, así, o sadismo do PP.
Mato privatizou os centros de día da cidade, deixounos sen centro de alzheimer, recortou en dependencia, deixounos sen novas escolas e encareceu as que xa hai
A continuación, o membro da candidatura do BNG pola Coruña, Suso Bermello, apelou á necesidade de defendermos e afortalarmos os servizos sociais públicos e a políticas sociais porque son fundamentais para o benestar da cidadanía da Coruña. Alertou de que o PP está a desmantelar os servizos sociais para facer deles un negocio.
Neste contexto, tamén Bermelo criticou a Mato, que nos deixou sen novas escolas, encareceu as que xa hai, aumentando as taxas un 50%, subiu os comedores escolares das escolas infantís un 112%, recortou en dependencia, deixounos sen centro de alzheimer e privatizou os centros de menores e os centros de día de Eirís e de Monte Alto.
O BNG propón unha lei de consulta popular vinculante
Xa no que respecta á rexeneración democrática, o candidato do BNG alertou da perigosa política de degradación da democracia e das institucións, que está comandada pola dereita. Salientou Bermello que o BNG defende unha lei de consulta popular vinculante para as decisións que afecten ao futuro do país.
Ademais, apostou por facerlle fronte ás políticas de degradación da democracia por parte do PP afortalando o autogoberno e avanzando cara á soberanía. A crise evidencia que a ausencia de soberanía conduce á ausencia de democracia e a que as decisións que tanto nos afecta á cidadanía se tomen en eidos que non emanan da vontade do pobo, concluíu.