O BNG propón un banco de locais comerciais para revitalizar o sector
A Coruña, 20 de setembro de 2012.- O portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, reclámalle ao Goberno do Sr. Negreira un cambio de rumbo nas políticas destinadas ao pequeno e mediano comercio da Coruña, un dos sectores estratéxicos da cidade. Así, Carril insiste nunha das propostas recollidas do programa electoral das municipais e aposta por crear un banco de locais comerciais baleiros e en desuso, tanto propiedade do Concello como de particulares, que se oferten en réxime de aluguer accesíbel. Esta medida, o portavoz do BNG, revitalizaría o sector, ao igual que aconteceu noutras cidades do Estado.
Ademais, Carril apela á necesidade de levar a cabo políticas fiscais desde as distintas administracións (Concello, Xunta de Galiza e Goberno central) en beneficio do sector, para que baixen os gastos fixos de mantemento do pequeno e mediano. Tamén propón promover o consumo no pequeno e mediano comercio como opción responsábel, con campañas municipais de concienzación e de estímulo, con medidas que interrelacionen a compra no pequeno e mediano comercio coa hostalaría.
A política do PP afoga o comercio: máis IVE, máis IRPF para as persoas autónomas, recortes desde o Concello e liberalización do horario comercial
Carril alerta de que as medidas impulsadas polo PP suporán o tiro de graza para o comercio. "A suba do IVE, que fará diminuír o consumo, a suba do IRPF para as persoas autónomas e a liberalización de horarios comerciais, un premio para as grandes áreas comerciais que, á vez, atenta directamente contra o pequeno e mediano comercios", sinala. "E o máis lamentábel é que a concelleira de Emprego aplaudira estas medidas de Rajoy, pregándose aos intereses do PP, en vez de atender aos intereses dos e das comerciantes da Coruña", engade.
Ademais, Carril critica os recortes do Sr. Negreira en materia de comercio, como a eliminación de 200.000 euros previstos para a dinamización do comercio ou a renuncia a gastar 200.000 euros recollidos no orzamento de 2011 en axudas ao comercio. "É sintomático que o Sr. Negreira preferira gastar en festas que en impulsar o comercio", di o nacionalista en alusión á transferencia de 120.000 euros do primeiro modificativo de crédito deste ano desde a partida de dinamización do comercio ao IMCE. "O Sr. Negreira non ten ningún plan nin ideas para revitalizar un dos sectores clave na economía da Coruña", advirte.
Pola outra banda, o portavoz do BNG considera un despropósito que o Goberno local anunciara unha enquisa aos comerciantes da Agra do Orzán que custará 70.000 euros. "Non ten sentido ningún gastar 70.000 euros en contratar a dedo unha consultora para enquisar comerciantes e veciñanza cando o Sr. Negreira suprimiu do programa Urbana C as axudas directas e a fondo perdido destinadas ao comercio", salienta.