A propaganda da semana europea da mobilidade non logra tapar os graves problemas de tráfico
A Coruña, 17 de setembro de 2014- O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que nin a propaganda coa que o Goberno do Sr. Negreira estreou a Semana Europea de Mobilidade é quen de tapar os graves problemas de tráfico que están a ter lugar na Coruña. Así, co comezo da campaña da Semana Europea de Mobilidade cuxo deseño e organización de diversas actividades custou o pasado ano 43.560 euros- evidénciase que o PMUS aprobado polo Partido Popular non ten en conta os medios de transporte alternativos para entrar e para saír da Coruña, nomeadamente o transporte ferroviario de proximidade e o marítimo e que só aposta polo tráfico rodado por estrada, do que a Compañía de Tranvías é a principal protagonista.
As nacionalistas sinalan que desde o pasado domingo se rexistraron importantes problemas de mobilidade na cidade. O propio domingo, e consecuencia da rodaxe dunha película, parte do paseo marítimo foi cortado, afectando dun xeito especial o barrio de Monte Alto, cuxo tráfico xa estaba lastrado polo corte do túnel de María Pita e de parte da rúa da Torre. Denuncia o BNG a falta de efectivos policiais que indicasen os camiños alternativos a seguir para saír deste barrio. A maiores, na mañá e na tarde de luns e martes, e mesmo na mañá de hoxe, tiveron lugar importantes retencións na entrada e na saída á cidade que agravaron a conxestión crónica de Alfonso Molina. No día de onte o colapso foi tal que se chegaron a producir colas que acadaron o km. 4 da autoestrada.
O Grupo Municipal do BNG insiste na necesidade de apostar por transportes alternativos como o marítimo e o ferroviario para entrar e saír da cidade e así acabar cos embotellamentos crónicos que sofre Alfonso Molina. Os últimos datos, de 2008, sinalan que máis de 145.000 vehículos circulan ao día por esta estrada.