Preguntas orais do BNG: comercio, hortas urbanas e lingua

Preguntas orais do BNG: comercio, hortas urbanas e lingua

A Coruña, 3 de decembro de 2012.- No capítulo de preguntas orais, a concelleira María Xosé Bravo inquiriu o Goberno municipal sobre a última campaña en materia de comercio, unha campaña da que a responsábel de Emprego e Turismo declinaba facer balance, pois aínda permanece vixente esta campaña. Bravo comezaba a súa intervención cos datos na man: retiraron 1 millón de euros do Urbana C para axudas directas ao comercio, á hostalaría e a talleres de automoción; deixaron sen executar dos orzamentos de 2011 un total de 500.000 euros en emprego e comercio, así como 198.398 euros en axudas para o comercio; prometeron para o 2012 1,5 millóns para comercio e só orzaron 800.000; no seu terceiro modificativo retiraron outros 155.000 euros destinados inicialmente a apoiar o comercio restáronlle 120.000 euros ao Plan de dinamización do comercio para destinalo ao IMCE...

Fronte este panorama que presentou Bravo, a concelleira nacionalista criticou que "a receita do PP para o comercio é instalar un poboado lapón de 145.000 euros", a mesma cantidade, apuntou, que o Goberno municipal dedicou á Federación Provincial de Comercio, coa Unión de Comercios Coruñeses e con 19 asociacións de comerciantes da cidade.

Bravo puxo de manifesto que o pequeno e mediano comercio "é un sector estratéxico da cidade que require dunha actuación integral e integrada por parte das tres administracións, mais as medidas postas en marcha polo PP desde o Concello, Xunta de Galiza e Estado van na dirección equivocada". Salientou, entre estas, a suba do IVE, a liberalización dos horarios comerciais e a supresión da paga extra aos empregados públicos, unhas medidas que condicionarán negativamente a campaña de Nadal.

A concelleira nacionalista ridiculizou "as letras" da concellaría de Emprego e Turismo, desde o concurso de bicos até a campaña "con todo el amor del mundo", así como o Coruña Wapa, iniciativa da que amosou unha imaxe para desmentir o éxito ao que apela a concelleira Cid.

Por último, Bravo instou os e as concelleiras do PP a achegárense a Santo Andrés, onde, sinalou, cada mes hai un novo comercio que pecha, a rúa está sucia e mal iluminada, até a Praza de Pontevedra, cunha paisaxe máis próxima ao momento despois dunha batalla. Tamén instou o Goberno municipal a visitar a rúa do Orzán e a recibir as asociacións, que están fartas de pedirlles entrevistas e a falar cos comerciantes da Gaiteiras, consternados pola ameaza dun ano en obras. "Merquen no comercio da cidade e deixen de facer shopping en Londres", subliñou. "Sr. Concelleiros do PP, as tres concelleiras de barrio, a de emprego, alcalde... vostedes traballan ou laponian?", concluíu.

Hortas urbanas: Valencia acusa o PP de facer negocio cunha demanda social

Un proxecto "de xustiza e de oportunidade", que "non se saca a concurso", para os "colectivos desfavorecidos" e en que "non se exclúe a desempregados e non se lle dá prioridade aos xubilados". Desmentindo as cláusulas técnicas recollidas no perfil do contratante contestaba o concelleiro de Medio Ambiente a pregunta oral formulada por Ermitas Valencia sobre o proxecto de hortas urbanas.

A concelleira do BNG comezou a súa intervención aludindo á moción pactada por EU e polo PP sobre as hortas urbanas, unha iniciativa presentada en xullo que Valencia cualificou como "un brinde ao sol". Referiuse, á continuación, á pregunta oral formulada no mesmo Pleno de xullo pola nacionalista para advertir de que "o proxecto de hortas tiña que ser interxeracional, a autoxestión debía de ser o modelo e para facer máis con menos debía de contar cos movementos sociais e escoitar". "Nada disto fixeron", denunciou:

    • Interxeracionalidade: onde nós pediamos interxeracionalidade vostedes limitan a idade a máis de 65 anos

    • Autoxestión: onde nós pediamos autoxestión, vostedes privatizan. É máis, estamos seguros e seguras de que privatizarán as hortas que xa sabemos que a empresa que vai xestionalas é a mesma que xestionou as xornadas no Ágora, tal e como asegurou esta mesma empresa nesas xornadas.
    • Movementos sociais: onde nós pediamos participación dos movementos sociais, vostedes escollen gastar 172.000 euros en urbanizar os terreos para as hortas e cobrarán 50 euros por inscrición e 25 euros mensuais aos mesmos xubilados aos que lles recortas as pensións.

Valencia recomendoulle ao Goberno municipal deixar de tomar como exemplo o caso de Valladolid e copiar o modelo dos movementos sociais en Feáns, con 3.000 euros gastados na urbanización das hortas, fronte aos 172.000 euros do Goberno municipal, e con 20 euros anuais para os e as usuarias, fronte aos 25 mensuais das hortas municipais. De aí que Valencia salientara que "o PP vai facer dunha demanda social un negocio para os seus amigos".

Lingua: Avia Veira acusa o Goberno municipal de non desenvolver nin unha soa iniciativa para a normalización do galego

Pola súa banda, Avia Veira, que tomou posesión como concelleira do BNG, estreouse no Pleno cunha pregunta oral sobre a lingua, nunha intervención en que aproveitou para acusar o Goberno municipal de "non desenvolver nin unha soa iniciativa para que a nosa lingua se normalice na cidade".

"Non se trata de algo superfluo nin prescindíbel, porque galego é a lingua na que algúns pensamos, soñamos, escribimos, falamos; que quereriamos ver máis nas rúas, no cinema, na música, nas campañas, na televisión, na radio, na internet, nas institucións", apuntou. "Malia que lles pese, é a lingua oficial das institucións galegas, incluídas as entidades locais e, por suposto, a nosa cidade", lembroulles aos concelleiros do PP.

A continuación, a edila do BNG salientou que é obriga do Goberno municipal a promoción do uso normal da lingua galega. Porén, preguntouse como se vai iniciar a falar a nosa lingua a cidadanía, "como van empregar as persoas que rexentan os comercios e a hostelaría, como vai ter o galego mil primaveras máis se o noso Goberno municipal non o emprega nin nas campañas nin no seu día a día?". "Non hai campaña que saia desta Casa Consistorial que non se faga tan só en español", denunciou. "E mais non hai unha campaña que saia desta Casa Consistorial que recolla os topónimos correctos dos nosos barrios e da nosa cidade que non é outro que A Coruña. Si, señoras e señores, A, co artigo en galego, Coruña", subliñou.

Avia Veira puxo como exemplos as campañas de Comercio, integramente en español cos topónimos incorrectos, como Los Mallos ou El Ventorrillo e La Ciudad Vieja ou as documentacións internas do Concello, na que son frecuentes os "La Coruña". "Non é coherente que presumamos de Smart City na lingua inglesa... Non é unha cidade intelixente aquela que sendo galega ten que falar de si propia en inglés, porque primeiro terá que facelo na súa lingua", concluíu.

 

Preguntas orais do BNG: comercio, hortas urbanas e lingua