O PP volve ás andadas e elude dar conta sobre as terrazas e sobre unhas obras na depuradora de Bens
A Coruña, 14 de setembro de 2014.- O Grupo Municipal do BNG denuncia que o Goberno Local volve ás andadas e elude contestar a unha serie de preguntas escritas formuladas polas nacionalistas para o pleno de xullo relativas á depuradora de Bens e á instalación de terrazas, impedindo, desta maneira, facer o traballo de control do Goberno Municipal.
Concretamente o Goberno Local eludiu contestar ás preguntas, sobre en que consistiron as reparacións urxentes feitas por unha empresa determinada na Depuradora de Bens e cales foron as razóns polas que o Goberno Local sufragou estes gastos, sinalando que na EDAR de Bens non se fixo ningunha obra de reparación urxente por dita empresa.
O Goberno municipal, salientan as nacionalistas, tamén eludiu contestar ás preguntas concretas sobre a instalación de terrazas de cerramento estábel. A iniciativa interesábase por coñecer, entre outras cousas, cantas solicitudes de terrazas de cerramento estábel recibiu o concello, cantas foron autorizadas, cantas denegadas e cal foi a argumentación para a súa denegación. Mais o Goberno do Sr. Negreira, na contestación, evitou dar números e explicacións e limitouse a lembrar a normativa aplicábel reguladora da instalación de terrazas en espazos de uso público.