O PP volve abandonar a ría do Burgo: 0 euros nos orzamentos xerais

O PP volve abandonar a ría do Burgo: 0 euros nos orzamentos xerais

A Coruña, 30 de setembro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG acusa o Partido Popular de cercenar a capacidade produtiva da nosa ría, xa que, de novo, volveu desprezar a ría do Burgo nos orzamentos xerais do Estado, que vimos de coñecer hoxe. As nacionalistas lamentan profundamente que o Goberno central renuncie a reducir o desemprego na nosa cidade ao negarse a impulsar un dos sectores estratéxicos da nosa economía. Lamentan tamén os constantes enganos por parte do Sr. Negreira, da Xunta de Galiza e do propio Goberno central ao colectivo de mariscadoras, con promesas que ficaron en saco roto.

Ademais, o Grupo Municipal do BNG advirte da nula importancia que o Partido Popular lle dá nestes orzamentos á conexión ferroviaria do porto exterior, que semella sacada do conto de nunca acabar. Nos orzamentos de 2014, o Goberno central dedica exactamente a mesma cantidade que nos orzamentos de 2013, é dicir, 50.000 euros. E isto, malia que os orzamentos de 2013 recollía unha previsión de gasto para 2014 de 500.000 euros e a pesar de que se trata dunha infraestrutura fundamental para a plena operatividade de Punta Langosteira. Chama a atención o exercicio de laboriosa enxeñería orzamentaria do Partido Popular, xa que, curiosamente, mentres nos orzamentos de 2013 se prevía que rematase esta partida no 2017, os orzamentos de 2014, con menos dotación orzamentaria da prevista, recollen como data de finalización da partida o propio 2014. Pregúntanse as nacionalistas se sacará a ministra de Fomento unha variña máxica para concluír a conexión ferroviaria con 50.000 euros consignados.

Pola outra banda, o Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que os orzamentos xerais confirman o que todas as coruñesas, agás o Sr. Negreira, sabiamos: que a terceira rolda vai camiño de se converter na obra do Escorial. E é que pasou de estar operativa no 2013 a atrasarse, segundo confirman os propios orzamentos xerais, até o 2016. Lembra o BNG que aínda a finais de 2012, o Sr. Negreira aseguraba que a terceira rolda estaría rematada no último trimestre de 2013 e en abril de 2013 rectificaba para dicir que entraría en servizo o 2014. As cifras volven desautorizar o alcalde, que non verá rematada a terceira rolda até o 2016 no mellor dos casos.

 

O PP volve abandonar a ría do Burgo: 0 euros nos orzamentos xerais