O modificativo de crédito ten como obxectivo pagar facturas xeradas no mandato do propio PP

O modificativo de crédito ten como obxectivo pagar facturas xeradas no mandato do propio PP

A Coruña, 30 de setembro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG advirte de que o segundo modificativo de crédito de 2013 evidencia a ineficiente xestión do Goberno do Sr. Negreira, na medida en que ten como obxectivo pagar facturas xeradas durante o propio mandato do Partido Popular.

As nacionalistas critican que do total de 1.574780,26 euros que supón o modificativo de crédito sexan destinados ao recoñecemento extraxudicial de obrigas un total de 135.592,51 euros. Estes recoñecementos correspóndese con gastos tan previsíbeis como poden ser os de subministración de gas e enerxía ou o gasto en prensa para edificios de titularidade municipal, como o Pavillón de Riazor, o de Mesoiro ou das vivendas municipais de Labañou. Para o Grupo Municipal do BNG, o feito de que estes gastos non estiveren incluídos dentro do Orzamento Municipal reflicte unha falta de previsión e unha irreponsabilidade por parte do Sr. Negreira.

Por outra banda, o Protocolo de Colaboración entre o Concello, a Cámara de Comercio e a Fundación Instituto Cameral para a creación dun viveiro de empresas lonxe de non supór investimento ningún para o Concello -como afirmaba o Sr. Negreira no Decreto de Alcaldía do 3 de maio de 2013- aparece tamén neste novo modificativo de crédito comprometendo 60.000 euros, que se lle suman os 140.000 euros do primeiro modificativo do 2013.

O BNG critica que o PP suprimira subvencións a fondo perdido para iniciativas empresariais a cambio dun convenio coa Cámara de Comercio

Eses 140.000 euros proviñan dunha baixa de crédito dunha subvención a fondo perdido para iniciativas empresariais ás que se podían presentar proxectos en concorrencia competitiva. O Grupo Municipal do BNG critica que, a cambio disto, o Goberno do Sr. Negreira nos ofreza un viveiro xestionado por entidades privadas e financiado con cartos públicos, do Concello da Coruña, por unha banda, e dos fondos FEDER, pola outra.

Por útlimo, as nacionalistas recórdanlle ao Partido Popular a súa teima cos modificativos de crédito e cos recoñecementos de obrigas cando estaba na oposición e que agora non só practica senón que converte en parte do seu modus operandi.

 

O modificativo de crédito ten como obxectivo pagar facturas xeradas no mandato do propio PP