O PP vétalle a Cántigas o uso do Teatro Rosalía á vez que llo deixa a Hogueras de San Juan
A Coruña, 22 de outubro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG denuncia que o Goberno do Sr. Negreira lle vetou a Cántigas da Terra o uso do Teatro Rosalía, onde non puido celebrar o seu Ciclo de Coros Históricos, como viña sendo habitual nos últimos anos. As nacionalistas poñen de manifesto que só a ignorancia da dereita que nos goberna descoñece que o Teatro Rosalía é berce e fogar de Cántigas da Terra, unha entidade que celebrará o seu centenario dentro de tres anos. De feito, leva organizando de xeito ininterrumpido Festivais neste teatro desde 1917, festivais galegos onde se estreaban e se lles daba recoñecemento ao teatro e a música galega. Nestes festivais viron a luz, grazas a Cántigas, obras de Lugrís Freire ou de Leandro Carré.
O Ciclo de Coros Históricos ateigaba o Teatro Rosalía durante tres domingos do outono, mais este ano, a cidadanía non puido gozar de Cántigas no espazo que os viu nacer e que os acompañou ao longo destes 97 anos. E isto, advirte o BNG, ten culpábeis: o Partido Popular. Só quen acusa o BNG de facer cultura demasiado gallega pode atreverse a negarlle a Cántigas o espazo que a viu nacer.
Por que Hogueras de San Juan pode usar o Rosalía e Cántigas non?
Ante este desprezo, o Grupo Municipal do BNG preguntará cales son os criterios para que algunhas asociación vaian ao Teatro Rosalía e outras non. Anuncia o BNG que pedirá acceso aos informes técnicos para saber por que Hogueras de San Juan pode ir ao teatro Rosalía e Cántigas non. Cómpre saber, sinalan as nacionalistas, se son criterios técnicos ou políticos e ideolóxicos os que discriminan e menosprezan a cultura galega.