O BNG critica que o Goberno insolidario do Sr. Negreira suprimiu as axudas a cooperación exterior
A Coruña, 20 de novembro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG amósase moi crítico coa decisión do Goberno do Sr. Negreira de suprimir, nos orzamentos de 2014, a partida de subvencións destinadas ás actividades no exterior das ONGD. Para as nacionalistas, esta supresión demostra que nos atopamos ante un goberno insolidario e desacomplexado ao que non lle treme a man ao erradicar os fondos dedicados á axuda aos pobos e poboacións dos países desfavorecidos.
O BNG pon de manifesto que o Goberno municipal do PP xa reducira esta partida dos 140.000 euros dos orzamentos de 2012 aos 90.000 euros dos orzamentos de 2013. As nacionalistas, que non entenden esta decisión errada, poñen de manifesto que os 90.000 euros recollidos nos orzamentos vixentes beneficiaron un total de 17 entidades que traballan no ámbito da cooperación internacional.
Ante a supresión da partida destinada a cooperación internacional por parte do Goberno do Sr. Negreira, o Grupo Municipal do BNG sinala que non se pode ser alleo á situación de inxustiza que sofre a meirande parte do pobo mundial. De aí que o BNG entenda que todas as Administracións, tamén o Concello da Coruña, deban contribuír á construción dun mundo máis xusto e igualitario.
O Sr. Negreira elimina a partida destinada a cooperación seguindo a liña marcada polas reducións do PP na Xunta de Galiza e no Estado
A eliminación da partida de subvencións destinadas a actividades no exterior das ONGD vai na liña dos recortes do PP en materia de cooperación internacional tanto na Xunta como no Estado. De feito, os orzamentos xerais de 2014 danlle un golpe mortal á cooperación, ao deixar a partida de fondos destinados á cooperación en menos de 2.000 millóns de euros. Ademais, o PP diminúe os recursos destinados a ONGD, recortados nun 50%. O BNG tamén chama a atención sobre o recorte que sofren os fondos destinados a acción humanitaria, un tesoirazo do 80% que deixa reducida a partida a 500.000 euros.
No caso dos orzamentos galegos, as nacionalistas poñen de manifesto que para 2014 a Xunta destina 4,1 millóns de euros á cooperación. O PP dedica a esta partida os mesmos cartos que no 2013, despois de que, nos anos anteriores, Feijóo fixera caer os fondos destinados á axuda a países desfavorecidos en case 7 millóns de euros.