O PP terá que explicar no Parlamento que o leva a promover o trasfego de Meirama a Cecebre
A Coruña, 23 de outubro de 2013.- A deputada do BNG Ana Pontón interpelará mañá o Goberno galego sobre o trasfego de auga de Meirama a Cecebre na reunión da Comisión de Medio Ambiente do Parlamento de Galiza. A nacionalista preguntaralle ao Goberno galego polas razóns que levan a Xunta de Galiza a promover o trasvase e polas análises que se teñen realizado sobre a calidade de auga da balsa mineira. Tamén preguntará se considera esta actuación coherente coa planificación que se ten na materia e se existe algún vínculo entre o proxecto e darlle viabilidade a unha minicentral no encoro de Cecebre.
Para o BNG a xustificación do trasfego está clara: non ten xustificación nin desde o punto de vista da produción enerxética (en Galiza temos sobreprodución), nin desde o punto de vista do abastecemento de auga (existe auga suficiente na comarca) e menos desde o punto de vista ambiental (xa que a minicentral provocará a morte do ecosistema do río Mero). O único motivo que existe detrás do trasvase que se construirá en virtude deste convenio é a defensa de intereses privados aos que están vinculados cargos electos do PP como a concelleira de Cultura da Coruña, denuncia Ana Pontón, que acusa o PP de usar as institucións para beneficiar militantes seus e de abandonar o interese xeral.