O BNG anima a secundar a folga e as manifestacións do ensino contra a LOMCE
A Coruña, 23 de outubro de 2013.- A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, da que fan parte o BNG e Galiza Nova, ofreceu esta mañá unha rolda de prensa para dar conta da xornada de folga que ten convocada para mañá, 24 de outubro, con mobilizacións convocadas en diversas comarcas da nosa nación. O motivo é a defensa do ensino público, galego, laico, gratuíto e de calidade, así como o rexeitamento da LOMCE polo seu carácter reaccionario, españolizador, privatizador, clasista, antipedagóxico e confesional.
O BNG apoia activamente esta xornada de folga. Precisamente, leva unha semana desenvolvendo unha campaña de repartos de material informativo contra a LOMCE á entrada e á saída dos centros de ensino público da cidade e da comarca. Nesta xeira de repartos, en que participaron as concelleiras nacionalistas, o BNG explica que a LOMCE promove a privatización do sistema educativo, na medida en que apoia o ensino privado e concertado en detrimento do público, e que dificulta o acceso á educación as familias con menos ingresos. E é que provocará o recorte nas axudas e nas bolsas ao estudantado. Tamén advirte o Bloque de que a contrarreforma educativa do PP é claramente antigalega en contidos e no uso do idioma e que invade competencias da autonomía.
Ademais de secundar a folga, o BNG chama a participar na manifestación que terá lugar mañá, xoves, ás 11.30 polas rúas da cidade, con saída da praza de Vigo.