O PP terá que dar conta dos motivos do peche definitivo da planta do Abente y Lago
A Coruña, 25 de novembro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG revelou no día de onte unha lamentábel noticia para A Coruña: o peche definitivo da planta de Medicina Interna, con 25 camas, do hospital Abente y Lago, un novo tesoirazo do Partido Popular á sanidade pública que lle afecta, de cheo, ao conxunto da cidadanía da Coruña. Así, na próxima sesión plenaria, o BNG formulará unha pregunta oral para coñecer a valoración do Goberno do Sr. Negreira sobre esta gravísima medida adoptada polo Partido Popular desde a Xunta de Galiza. As nacionalistas advirten de que o Sergas está a reducir persoal sanitario e mais prestacións que poñen en risco a atención dos pacientes. De feito, na quenda de noite, os postos de enfermaría apenas se cubren. O Sergas nin sequera está a substituír persoal sanitario, nomeadamente, enfermeiras, e cada vez son máis numerosos os contratos laborais por tres horas.
Ademais, o BNG tamén preguntará en pleno por que motivo os terreos da Solana pasan de dotacional público a dotacional privado no PXOM aprobado polo Partido Popular. Precisamente, tras aprobar a Xunta de Goberno Local de 31.10.2013, a licenza para as obras de ampliación da Solana, o BNG denunciou este cambiazo de dotacional público a dotacional privado do PXOM aprobado definitivamente. O BNG xa expuxera entón que este cambiazo contradí tanto o PEPRI aprobado inicialmente en decembro de 2012 como o PEPRI de 1998 e faise, única e exclusivamente, para permitir que se poida acometer a ampliación da Solana.
Tamén preguntará o BNG pola ordenanza municipal reguladora da instalación de terrazas en espazos públicos. As nacionalistas queren saber como está a aplicar o Goberno do Sr. Negreira esta ordenanza.