O PP terá que dar a cara polo sexismo do "Coruña Wapa" no Parlamento
A Coruña, 31 de outubro de 2013.- O BNG vén de levar ao Parlamento de Galiza a publicidade sexista da campaña impulsada polo Goberno do Sr. Negreira Coruña Wapa, co fin de que sexa retirada por atentar contra a igualdade entre homes e mulleres. A secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galiza terá que responder no Pleno do Parlamento á pregunta oral que formulará a deputada nacionalista Carme Adán para coñecer que vai facer o Goberno galego respecto da campaña Coruña Wapa.
A parlamentar do BNG considera inadmisíbel que unha Administración pública, como é o Concello da Coruña, contribúa deste xeito a transmitir valores sexistas nos distintos soportes publicitarios da cidade, en que se poden ler lemas da talla Antes muerta que sencilla ou La belleza está en el interior del vestidor.
O BNG rexistrou estas iniciativas despois de que a concelleira Avia Veira presentara unha denuncia sobre a publicidade sexista de Coruña Wapa perante o Observatorio da Secretaría Xeral de Igualdade.
As nacionalistas, que critican que o PP fortaleza o patriarcado co fomento da imaxe da muller como obxecto e un ser submiso ao que se lle quita toda a autonomía, esixen a retirada desta campaña machista e indigna.