O Sergas ten pechada unha planta do Abente y Lago mentres se amorean doentes no CHUAC
A Coruña, 31 de outubro de 2013.- A concelleira do BNG María Xosé Bravo, acompañada do médico de familia Ramón Veras, denunciou esta mañá ás portas do Abente y Lago o que vén sucedendo nas Urxencias do CHUAC durante as últimas fins de semana, unha situación que cualificou de caótica. Esta última fin de semana, ducias de persoas víronse na obriga de esperar moitas horas a dispoñer nunha cama nas Urxencias e o caos foi tal que o luns, ás 8h, un total de 34 persoas estaban á espera de cama, e ás 14h, cando xa non se dan altas, quedaban 20 persoas á espera dunha cama, advertiu. Tamén deu conta do caso dun paciente de Oncoloxía, que tivo que esperar toda a fin de semana á espera dunha cama. E mentres iso sucede, o Sergas mantén pechada unha planta con 25 camas no Abente y Lago, alerta.
A concelleira do BNG puxo de manifesto que non é a primeira vez que o Goberno galego decide pechar camas nos hospitais durante o verán e que, pasados os meses de verán, volve abrir as camas. Porén, a 31 de outubro, a planta do Abente y Lago segue pechada cando se están a dar picos superiores ás 30 persoas agardando por unha cama nas Urxencias do Chuac sentadas en padiolas ou en cadeiras.
María Xosé Bravo ironizou coas declaracións da conselleira de Sanidade que, o pasado martes, sinalou no Parlamento de Galiza que hai que pagarlle ao persoal sanitario polo que se fai e por como se fai. Tendo en conta esta máxima, á conselleira de Sanidade non habería que pagarlle nin un euro polo seu traballo nefasto, salientou.
A edila nacionalista, que anunciou que o BNG levará o peche das 25 camas do Abente y Lago ao Parlamento de Galiza, tamén aludiu ás obras de ampliación das Urxencias do Chuac. Lembrou que a ex conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, prometera rematar as obras no 2009 na súa primeira visita ao Chuac como responsábel do Sergas. Catro anos despois, seguimos como estabamos, denunciou. María Xosé Bravo esixiu que as partidas orzamentarias destinadas ao Chuac non sexan un simple debuxo, pois nos últimos exercicios económicos, estas partidas non foron executadas.
Ramón Veras, médico de familia, non traballamos con sacos de cemento, traballamos con persoas enfermas
Na mesma liña, Ramón Veras explicou que día si, día tamén, tratamos de solucionarlles os problemas aos pacientes para que non teñan que ir ao hospital, porque saben que lles esperan horas e horas de agarda. O médico de familia amosouse moi crítico co peche de camas no Abente y Lago e denunciou as palabras do xerente deste hospital, que sinalou que non ía abrir a planta por uns pacientes e que se trataba dun problema de xestión.
O xerente tiña que estar nunha consulta e achegarse a falar cos doentes para saber o que viven, porque non se trata dun problema de xestión, senón de vida, sensibilidade e dignidade, salientou. Non traballamos con sacos de cemento, senón con persoas enfermas e moi mal imos se non nos preocupa ter persoas maiores e con problemas de saúde nunha cadeira toda unha fin de semana, engadiu. Lembrou que cando este xerente tomou posesión do cargo sinalou que a súa prioridade era solucionar o problema das Urxencias e de todas as persoas que teñen que estar día si e día tamén agardando por unha cama.
Tamén aludiu Ramón Veras aos datos das listas de agarda. E é que desde que tomou posesión este xerente, en maio-xuño, os datos de espera foron a peor. De feito, mentres en xuño de 2013 había un tempo de espera medio de 71,8 días para cirurxía, en setembro de 2013 o tempo de espera medio aumentou a 82,9 días. En canto ás persoas en espera por unha consulta, denunciou que a cifra era de 27.363 persoas en xuño e que pasou a 32.424 persoas en setembro.