Pelotazo en "La Solana": o PP actúa de xeito ilegal ao concederlle a licenza para a ampliación
A Coruña, 1 de novembro de 2013.- O portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, advirte de que o acordo da Xunta de Goberno Local do pasado xoves, en virtude do cal se concede licenza urbanística para a reforma e ampliación do edificio dotacional de equipamento deportivo do Club de La Solana, incumpre o acordo da Xunta de Goberno Local do 10 de decembro de 2012 (DOG de 11 de febreiro de 2013), polo que se procede á suspensión do procedemento de outorgamento de licenzas urbanísticas no ámbito de aplicación da modificación do PEPRI aprobado inicialmente.
O BNG sinala que o Goberno do PP non debería ter outorgado onte a licenza para a realización de tales actuacións, dado que as obras de reforma e ampliación do complexo deportivo de La Solana si están incluídas no ámbito de aplicación material do acordo de suspensión de concesión de licenzas na zona PEPRI.
O acordo de suspensión de concesión de licenzas do PEPRI aprobado inicialmente
Segundo este acordo de suspensión (punto 4, letra a), resulta que «no ámbito delimitado polo perímetro morado e zona de respecto, de acordo co sinalado polo Decreto 29/1984, do 9 de maio, de declaración do conxunto histórico-artístico da Coruña, suspéndese o procedemento de concesión de licenzas urbanísticas para as actuacións que impliquen unha alteración catastral das parcelas nas cales se sitúan os edificios na súa integridade; parcelacións, segregacións e agregacións parceiras; as de nova edificación en solares vacantes ou resultantes de demolicións previas», alcanzando esta suspensión tamén ás obras que teñan por obxecto «obxecto a demolición, baleirado interior total do inmoble, ampliación e adición de plantas e reestruturación de edificacións existentes».
Malia recoñecer expresamente que as obras do Club deportivo La Solana están na zona afectada polo acordo de suspensión de licenzas, o Goberno Local concede a licenza e non xustifica o motivo
Segundo figura expresamente no expediente administrativo do acordo aprobado onte na Xunta de Goberno Local, resulta que o Goberno Local recoñece expresamente que «el club deportivo La Solana se encuentra situado dentro del ámbito delimitado por el perímetro morado, para el que se suspende el procedimiento de concesión de licencias para actuaciones que impliquen una alteración catastral de las parcelas; parcelaciones; nueva edificación en solares vacantes; vaciado total del inmueble; ampliación y adición de plantas; y reestructuración de edificaciones existentes».
Malia este recoñecemento expreso, sinala o portavoz do BNG, o Goberno do Sr. Negreira acorda a concesión da licenza, considerando de forma moi peculiar que as obras no club deportivo de La Solana non están incluídas no acordo de suspensión de concesión de licenzas. Mais, en ningún momento, xustifica a súa decisión de excluír as obras na Solana do acordo de suspensión, simplemente se limita a afirmar que «las obras proyectadas, de reforma y ampliación del edificio dotacional de equipamiento no están incluídas en el ámbito de aplicación material del acuerdo de suspensión».
O proxecto básico de remodelación do club deportivo La Solana evidencia con claridade que as obras si están incluídas no acordo de suspensión e que o Goberno Local actúa ilegalmente
Que o Goberno Local mente e actúa ilegalmente é algo que se aprecia con claridade na lectura do proxecto básico de remodelación da area deportiva club La Solana, que figura tamén no expediente. No seu apartado de «Datos Técnicos da obra» (que se achega como anexo), pódese ver como as obras previstas entran de cheo na relación de actuacións suspendidas pola aprobación inicial do PEPRI (nova edificación en solares vacantes, ampliación de plantas e restruturación de edificacións existentes).
Entre outros aspectos, nesta concreta parte do proxecto básico dise en relación con esta actuación o seguinte:
1. A actuación proposta desenvolve a ampliación de edificación existente para dar cabida a un novo ximnasio con sala de relaxación anexa e novo acceso con vestíbulo e zona de administración.
2. O edificio resultante da ampliación e remodelación do edificio existente é unha edificación aberta, con planta sobre rasante.
3. O edificio resultante, coa remodelación e as ampliacións configura unha nova edificación illada dentro de parcela..., que dá como resultado que esta ampliación se aprecie como unha continuidade do conxunto.
4. A ampliación do edifico realízase na zona norte, con grande espazo que forma o novo ximnasio, que se conecta na zona Oeste co novo volume que alberga a sala de relaxación e unha sala de instalacións; entre a edificación existente e o novo ximnasio... Esta ampliación cara ao Norte ocupa unha superficie de 1448,20 m2.
5. A cuberta principal da ampliación é inclinada, pero de pouca inclinación, análoga á das cubertas da edificación existente.
6. A ampliación proxectada efectúase na planta baixa, polo que os volumes resultantes son os definidos polas inclinacións das cubertas.
7. O conxunto de volumes proxéctase tendo en conta as vistas do edificio desde o paseo do Parrote, en que as cubertas configuran a nova "fachada" do edificio.
8. Debido ás dimensións do edificio faise necesaria a creación de novos accesos e saídas do edificio.