O PP recorrerá a sentenza só cun fin: adiar a publicación das auditorías de Nostián
A Coruña, 20 de novembro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que a sentenza que condena o Goberno do Sr. Negreira por vulnerar os dereitos fundamentais de Xosé Manuel Carril ao impedirlle o acceso ás auditorías sobre a planta de Nostián é recorríbel e, de feito, o Concello está no seu dereito de recorrer, malia que isto poida implicar outra condena en costas en caso de desestimación do seu recurso no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG). Porén, as nacionalistas subliñan que o Goberno municipal recorrerá só para adiar que o conxunto do pobo teña coñecemento tanto da auditoría técnica como da económica, que revelarán cal é a situación da planta de tratamento de residuos urbanos sólidos e o grao de cumprimiento ou incumprimento das condicións da concesión. Esta é a única razón do seu recurso: aprazar a publicación e o coñecemento das auditorías.
Malia ter coñecemento do resultado das auditorías desde outubro de 2012, o Goberno do Sr. Negreira segue a ocultarllas, de xeito premeditado tanto ao BNG como á cidadanía e aos medios de comunicación. No seu afán por manter baixo chave as auditorías, o Partido Popular cambiou de criterio e de argumentos en numerosas ocasións en resposta ás solicitudes formuladas polo BNG (unha destas solicitudes de acceso, a do 20.03.2013, é causa da sentenza que condena o Goberno municipal) e en resposta ás preguntas dos medios de comunicación. De anunciar que se farían públicas as auditorías (nunha entrevista dun xornal o 19.11.2011, en declaracións aos medios o 16.01.2013 e mesmo en resposta a unha pregunta oral formulada polo BNG na sesión plenaria de febreiro, entre outras), o Goberno do PP cambiou os argumentos para xustificar a súa negativa a facelas públicas.
Cambios de criterio e de argumentos do PP respecto da publicación das auditorías de Nostián
- Novembro de 2012
Decreto de Alcaldía do día 08.11.2012. O Servizo de Medio Ambiente sinala en resposta á solicitude de acceso do BNG ao resultado das auditorías:
as auditorías non deben entenderse como un fin en si mesmas En consecuencia, no marco dun procedemento iniciado para a resolución da reclamación de desequilibrio exposta pola empresa, así como para abordar un plan de viabilidade futura da concesión, as auditorías demandadas constitúen unha ferramenta máis xunto co resto de informes técnicos e económicos municipais necesarios, para chegar a ese fin concreto. E esa solución que se adopte, xunto coa documentación que a acompañe, será sometida aos oportunos órganos de resolución municipal e, por suposto, antes de que se adopte deberá ser posta a disposición dos distintos grupos municipais
- Xaneiro de 2013
A día 09.01.2013, o concelleiro de medio ambiente, Enrique Salvador, sinala, en declaracións aos medios, que:
Malia que os informes xa están en mans do Concello, estes só se empregarán a nivel interno para tomar decisións, non facéndose públicos os informes. Non se trata de documentos públicos, senón dunha ferramenta interna da que farán uso no seu departamento.
Ademais, nun Decreto de Alcaldía de 15.01.2013 e en resposta a unha nova solicitude do BNG, o Goberno municipal sinala que:
"Persisten as circunstancias anteriores" e que "está a formular tecnicamente un plan de viabilidade que xunto coa documentación que se acompañe será sometida aos oportunos órganos de resolución municipais e, por suposto, antes de que se adopte deberá ser posta a disposición dos distintos grupos municipais.
- Febreiro de 2013
En resposta a unha pregunta do BNG formulada en Pleno ordinario celebrado a 04.02.2013, o edil de Medio Ambiente advirte de que:
Terase acceso e faráse público, no momento en que finalice o proceso para o cal foron contratadas e elaboradas ambas as dúas auditorías (...) Así que, asegurolle que unha vez que este Plan de viabilidade estea rematado e se eleven aos correspondentes órganos de goberno, as decisións correspondentes, terá vostede luz e taquígrafos de todo o que se acorde nisto.
- Setembro de 2013
En resposta a unha pregunta do BNG formulada en Pleno ordinario celebrado a 09.09.2013, o Goberno do PP di:
Aínda non é o momento de facelas públicas
Ademais, a 17.09.2013, en xuntanza do alcalde da Coruña co presidente do Consorcio, acórdase crear unha comisión co Consorcio para interpretar os resultados das auditorías.
- Outubro de 2013
A 30.10.13, en declaracións aos medios de comunicación, o edil de Medio Ambiente pon de manifesto que as auditorías:
Non conclúen nada e que son unha ferramenta de traballo para estabelecer a folla de ruta definitiva para a planta.
- Novembro 2013
A 04.11.2013, créase unha Comisión co Consorcio para analizar os datos presentados polas auditorías co fin de facer un bo diagnóstico e tratamento.
O BNG volve esixir a publicación inmediata das auditorías
Neste contexto, o Grupo Municipal do BNG volve esixir a publicación inmediata das auditorías, un asunto que as nacionalistas consideran de vital importancia e que a veciñanza ten dereito a coñecer. Probabelmente, as auditorías deiten luz sobre o grao de cumprimento ou incumprimento da concesión administrativa por parte de Albada. O BNG defende que a cidadanía da Coruña teña coñecemento destas auditorías canto antes, pois está pagando por un servizo, o da reciclaxe, cuxo grao de cumprimento a respecto das porcentaxes de tratamento do lixo fixadas na concesión administrativa se descoñece.