O PP prohíbelle ao BNG o acceso ao expediente de festas que revela que o custo superou os 2 millóns
A Coruña, 22 de novembro de 2013.- O Partido Popular prohíbelle á concelleira do BNG María Xosé Bravo tanto o acceso como a copia do total de gastos realizados polo IMCE correspondentes ás festas de María Pita para ocultarlle á cidadanía que o custo das festas superou os 2 millóns de euros.
A 05.11.2013, a concelleira do BNG solicitou acceso e copia aos do total de gastos realizados polo IMCE correspondentes ás festas de María Pita: expediente de festas do IMCE, que tiña un orzamento inicial de 1,47 millóns e que, tras un modificativo de crédito, aumentou en 78.257 euros; expediente de contratación dos escenarios do Noroeste Pop Rock, cun orzamento de licitación de 43.000 euros; expediente de contratación dos equipos de luz, son e vídeo do Noroeste Pop Rock, cun orzamento de licitación de 76.000 euros; expediente de contratación da batalla naval cun orzamento de 72.600 euros; expediente do espectáculo Cantajuego, cun custo de 13.350 euros; expediente do concerto de Fito & Fitipaldis, cun custo para o IMCE de 18.895 euros; expediente da feira taurina e mais os expedientes polos que se solicitan actuacións da rede cultural da Deputación.
A 11.11.2013, o IMCE contéstalle a María Xosé Bravo que lle denega a petición de acceso ao total de gastos, escudándose en que estes gastos están integrados na contabilidade xeral, e empraza a ter acceso a esta información ao momento en que se aprobe a Conta Xeral.
O BNG denunciara que o custe das festas pasara dos 2 millóns de euros
A contestación do Goberno do PP do 11.11.2013 tivo lugar despois de que María Xosé Bravo tivera acceso (só acceso, porque se lle denegou a copia) a ese mesmo expediente de festas até en dúas ocasións. A nacionalista pregúntase que cambiou para que o Goberno do PP lle prohiba ver o mesmo expediente ao que chegou a ter acceso até en dúas ocasións.
Ante este escurantismo do Partido Popular, a edila do BNG volveu rexistrar hoxe dúas solicitudes de acceso e copia ao citado expediente de festas e empraza o Goberno do Sr. Negreira a deitar luz sobre o custo das festas. A nacionalista sinala que se o PP non quixese ocultar os máis de 2 millóns de euros de gastos en festas xa tería feito público este expediente do IMCE.
O BNG considera que este veto ao acceso a unha información que debería ser pública responde a que María Xosé Bravo, nunha rolda de prensa que tivo lugar o 17.10.2013, revelou que os gastos das festas superaran os 2 millóns de euros. Ese mesmo día, o Goberno municipal emitía unha nota de prensa en que desmentía as cifras recollidas do expediente de festas pola propia María Xosé Bravo. Neste comunicado, o Goberno municipal sinalaba que as festas custaran 1,3 millóns, iso si, sen achegar dato ningún.
Por que as festas custaron máis de 2 millóns de euros e non 1,3 millóns?
Esta cifra do Partido Popular de 1,3 millóns de euros fica completamente invalidada porque o orzamento inicial do IMCE para festas no 2013 era de 1.479.728. A cantidade acabou sendo maior despois de que o PP aprobara un suplemento de crédito de 78.257 euros no primeiro modificativo de crédito do IMCE (aprobado no mes de xullo). Deste xeito, esta partida quedou en de 1.557.986 euros.
O Grupo Municipal do BNG explica que o expediente sobre as festas de María Pita contén gastos por un total de 1.557.986 euros (o orzamento do IMCE para festas). A esta cantidade hai que lle engadir outros gastos derivados de contratos que non están computados no expediente de festas. Estes contratos son: escenarios do Noroeste Pop Rock (43.000 euros), equipo de luz, son e vídeo do Noroeste Pop Rock (76.000 euros) e batalla naval (72.600 euros). Este expediente tampouco contempla o custo para o Concello de dous concertos de pago: Cantajuego (13.350 euros) e Fito & Fitipaldis (18.895 euros), a rede cultural da Deputación (10 actuacións para ás que o Concello pon 18.585 euros) nin a feira taurina (cuxo custo se estima en 95.283 euros) Ao sumarmos os 1.557.986 euros do expediente de festas máis as cifras expostas temos como resultado un total de 1.895.699 euros.
A estes 1.895.699 euros aínda hai que sumarlle as facturas de publicidade pagadas a través de resolucións de Alcaldía, cuxo custo descoñecemos e as actividades pagadas a través do Consorcio para a Promoción da Música (financiado con cartos do Concello a través dos orzamentos municipais), como os concertos de Carlos Núñez e de Ainhoa Arteta. Tamén faltan por computar o escenario de María Pita durante 1 mes (laminado en madeira para moitos dos concertos), os programas de man e mais a publicación grande e a toda cor sobre a programación.
En total, evidénciase que as festas custaron máis de 2 millóns de euros, por moito que o PP teime en ocultalo.
EXPEDIENTE FESTAS IMCE: 1.557.986 euros
NOROESTE POP ROCK. ESCENARIOS: 43.000 euros
NOROESTE POP ROCK: LUZ, SON E VÍDEO: 76.000 euros
BATALLA NAVAL: 72.600 euros
CANTAJUEGO: 13.350 euros
FITO & FITIPALDIS: 18.895 euros
REDE CULTURAL DA DEPUTACIÓN: 18.585 euros
FEIRA TAURINA: 95.283 euros
TOTAL: 1.895.699 euros
+ Facturas de publicidade
+ Concerto de Carlos Núñez e Ainhoa Arteta
+ Palco instalado en María Pita (laminado en madeira en moitos dos concertos)
+ Programas de man
+ Publicación grande e a toda cor sobre a programación
A cifra destes 5 ítems provocaría que se superasen os 2 millóns.