O PP pretende facer en tres meses o que non fixo antes cos inmigrantes e as mulleres
A Coruña, 21 de setembro de 2012.- A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá dúas convocatorias, unha para a selección dunha entidade sen ánimo de lucro para que xestione actuacións de información e asesoramento para a poboación inmigrante (54.071,87 euros) e outra para a selección dunha entidade sen ánimo de lucro que xestione un proxecto para a realización de actuacións que promovan a incorporación da muller ao eido laboral (12.365,10 euros), cuxa temporalización fica reducida a menos de tres meses.
Os nacionalistas critican que o Goberno municipal pretenda a integración da poboación inmigrante e a incorporación laboral da muller no barrio da Agra do Orzán con actuacións que teñen como data de caducidade este mesmo ano 2012. É dicir, a eficacia e o éxito de ambos os programas poden ser, realmente, reducidos visto que o tramo temporal de aplicación destas medidas non vai chegar aos tres meses, alén de que, no caso concreto das mulleres, a cantidade non é suficiente para o fin pretendido.
O Grupo Municipal do BNG considera que o Goberno do Sr. Negreira debe querer comprometer un gasto para xustificar axudas doutras Administracións públicas e faino en dúas concretas áreas de actuación sobre as que non tiña traballado como mercerían. E, á vez, con estas accións, trata de agochar a súa inactividade no caso das persoas inmigrantes e das mulleres.