Carril apela á máxima colaboración no caso "Pokemon"
A Coruña, 21 de setembro de 2012.- En resposta ás preguntas dos medios de comunicación sobre o caso Pokemon, o portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, sinalou que desde o momento en que está aberta unha actuación xudicial precedida dunha investigación policial hai que poñerse a disposición tanto das forzas e corpos de seguridade do Estado como do Xulgado que tramita a instrucción. Na liña da máxima colaboración e en aras da máxima transparencia e información do que se fai a nivel de contratacións administrativas e adxudicacións, Carril engadiu que se for necesario deberíase facilitar toda a documentación administrativa sobre as concesións da empresa, achegando os pregos de condicións, os informes técnicos municipais, as actas das mesas de contratacións e demais documentación administrativa, engadiu.
En relación á concesión do guindastre e da ORA, Carril puxo de manifesto que o BNG sempre insistiu na necesidade de revisar estas e outras concesións administrativas que actualmente ten o Concello (Compañía de Tranvías), tendo en conta que as súas condicións non deixan de ser leoninas, dado que ao Concello lle supoñen perdas, mentres que ás concesionarias lles supoñen grandes beneficios. Neste sentido, lembra Carril as distintas mocións presentadas polo Grupo Municipal do BNG en Pleno da Corporación municipal sobre a necesaria revisión de tales concesións administrativas.