O PP presume da deslocalización de empresas mentres abandona os sectores produtivos da Coruña

O PP presume da deslocalización de empresas mentres abandona os sectores produtivos da Coruña

A Coruña, 2 de outubro de 2012.- O BNG da Coruña cualifica de “vergoñentas” as declaracións da conselleira do “Desemprego” e número 1 do PP pola provincia, Beatriz Mato, que onte se reunía co presidente da patronal galega, Antonio Fontenla, para loar a internacionalización das empresas de Galiza. O concelleiro nacionalista Xan Caxigal lamenta que a campioa en ERE deixe sen apoio o tecido produtivo da Coruña, asinando despedimentos en Bunge Ibérica, Atento, Sykes, Caramelo, Mafecco, Emesa, Emesa Trefilería, Industrias Caamaño..., mentres apela á internacionalización das empresas; isto é, a súa deslocalización e a renuncia a postos de traballo e a riqueza no país.

Caxigal ve lamentábel que a número 1 do PP pola Coruña presumira onte, coa patronal, que tanto aplaudiu as brutais reformas laborais, das axudas de Feijóo á internacionalización de empresas. “Cómpre salientar que 5 millóns desas axudas das que presumiu Mato foron parar en febreiro de 2010 a Caramelo; é dicir, pouco despois de que Mato lle dera o visto e prace a un ERE que deixou na rúa a metade do cadro de persoal, un total de 247 persoas”, apuntou.

 

O paro continúa a medrar. “O desemprego non é unha fría estatística, ten nomes e apelidos; o desemprego son persoas, con vidas tronzadas por unha crise que non causaron, e que sofren o fracaso do PP na loita contra o paro”

No que ten a ver cos datos do paro, Caxigal pon de manifesto que subiu na cidade da Coruña a 22.590 persoas. “Isto significa que o paro aumentou un 26% desde que Feijóo é presidente da Xunta”, denunciou o concelleiro do BNG, quen alertou de que o desemprego segue a medrar no país por riba da media do Estado.

Caxigal, que precisamente onte formulou en Pleno unha pregunta oral sobre emprego, cualifica de “moi negativo” o balance nesta materia tanto no Concello da Coruña como na Xunta de Galiza. “As cifras do paro son un fracaso para o Sr. Negreira, para o Sr. Feijóo e para a Sra. Mato, cuxas políticas, lonxe de afrontar a crise, provocan a destrución de postos de traballo”, apunta. Nesta liña, Caxigal advirte da dramática situación que viven milleiros de familias na Coruña, “porque o desemprego non é unha fría estatística que lemos cada mes, o desemprego ten nomes e apelidos, o desemprego son persoas, con vidas tronzadas por unha crise que non causaron, e que sofren o fracaso do PP na loita contra o paro”.

O BNG aposta por póñer Galiza a producir

O concelleiro do BNG, que onte formulou unha pregunta en Pleno sobre o emprego na cidade e na comarca, insta a conselleira do “Desemprego”, a que máis paro creou na historia recente da Coruña e da comarca, a “deixarse de prometer leis sobre emprendemento” e a “centrarse na defensa dos sectores estratéxicos da cidade e da comarca que crean emprego de calidade: a ría do Burgo (cuxo goberno amigo ten abandonada), os polígonos industriais (masacrados a ERE asinados pola propia Mato), o comercio e a hostelaría (gravemente prexudicados coas medidas do PP como a suba do IVE ou a liberalización de horarios comerciais) ou a UdC (con suba de taxas e diminución en cartos para investigación e bolsas”.

“Ao contrario que o PP, o BNG acredita nos sectores produtivos. Ao contrario que o PP, que aposta por levar fóra as empresas, o BNG acredita na capacidade do país para producir cos seus propios recursos”, salientou o nacionalista.

O PP presume da deslocalización de empresas mentres abandona os sectores produtivos da Coruña