Coaccións e intimidacións do PP a persoas que asistiron ao Pleno
A Coruña, 1 de outubro de 2012.- A saída do Pleno da Corporación, o Grupo Municipal do BNG rexistrou un rogo para que o Goberno Municipal non coaccione os e as veciñas que asisten como público aos Plenos municipais, como é o seu dereito, e para que evitar tomar medidas como as que tiveron lugar esta mañá, empregando a policía local con fins políticos.
Tal e como denunciou na súa derradeira intervención plenaria, o portavoz nacionalista, Xosé Manuel Carril, minutos antes do Pleno, e sen xustificación ningunha, veciños e veciñas que agardaban á entrada para asistir á sesión foron advertidos pola policía local da decisión do Goberno municipal de actuar con contundencia. A maioría das persoas -moitas delas asistían por vez primeira a un Pleno- foron identificadas sen ningún tipo de razón. Algúns destes veciños e veciñas están vinculados coa plataforma de afectados e afectadas pola fraude das preferentes e outros coa comisión de afectados de Durmideiras.
Tras a denuncia por parte de Carril en Pleno, o Sr. Negreira recoñeceu abertamente esta ameaza aos veciños e veciñas coa aplicación de medidas represivas se o considerase oportuno. De aí que o Grupo Municipal do BNG se opoña e rexeite de fronte este tipo de coaccións e de actitudes intimidatorias máis propias dun déspota. Os nacionalistas alertan de que o Goberno municipal pretende desincentivar a participación da cidadanía nos Plenos.
Déficit de participación: o Goberno municipal négase a recibir as persoas afectadas polos mamotretos de Durmideiras
Precisamente, cando Carril denunciou en voz alta o acontecido, estaba dando conta do rogo oral presentado a instancias de afectados e afectadas polos mamotretos de Durmideiras. Neste rogo oral, os nacionalistas reclamaron que tanto o alcalde como o concelleiro de Urbanismo reciban a Comisión de Afectados e Afectadas e a Asociación de Veciños das Atochas-Monte Alto-Torre de Hércules, que o pasado xoves solicitaron, por rexistrom, esta reunión, e que entregaron 2.500 sinaturas contra o proxecto urbanístico do Goberno municipal na contorna da Torre.