O PP impide a potenciación do porto exterior ao renunciar á conexión ferroviaria
A Coruña, 8 de agosto de 2013.- O Grupo Municipal do BNG culpa o Goberno central de impedir o normal funcionamento e a potenciación do porto exterior ao renunciar a construír a conexión por camiños de ferro, que non se fará, como mínimo, até o 2017. As nacionalistas advirten de que o Partido Popular non cre nesta infraestrutura, e por iso só consignou 50.000 euros dos orzamentos xerais de 2013 para a conexión ferroviaria de Punta Langosteira. O desleixo é tal que o PP tombou sistematicamente as emendas parciais das nacionalistas para aumentar en máis de 8 millóns de euros a partida para esta conexión.
As nacionalistas salientan que a comunicación ferroviaria do porto exterior é indispensábel para as empresas que traballan con graneis. De feito, a propia Autoridade Portuaria admitiu que a falta de conexión ferroviaria en Punta Langosteira fixo perder contratos con empresas, dados os altos custos que supón o transporte viario. O presidente do Porto explicou a finais do 2012 que o traslado do clínker a Langosteira requiriu de 1.700 traxectos de camión, cando podería realizarse con só 30 viaxes de ferrocarril.
Pola outra banda, o Grupo Municipal do BNG lembra que a conexión ferroviaria do porto exterior é un requirimento de obrigado cumprimento por parte de Bruxelas para que poida contar con axudas europeas.