Bravo: "Pasou a metade do mandato e o PP só pode ofrecer a licitación dunha escola infantil"
A Coruña, 8 de agosto de 2013.- O Grupo Municipal do BNG, a través da súa concelleira María Xosé Bravo, advirte de que pasou a metade da lexislatura e o único que ten que ofrecer o Goberno municipal en materia de ensino é a licitación da primeira escola infantil (na Agra do Orzán), cando no seu programa electoral recollía a construción de oito escolas. A edila do BNG lembra que o Goberno municipal do PP estreou o bastón de mando en María Pita coa eliminación da escola infantil consignada para Pedralonga, escola que xa estaba prevista nos orzamentos municipais de 2011. E isto, engade, cando a oferta de prazas para crianzas de entre 0-3 anos é, claramente, insuficiente, e unha nova escola non vai solucionar este déficit.
Pola outra banda, María Xosé Bravo pon de manifesto que na sesión plenaria de maio xa lle preguntara ao Goberno municipal se confirmara por escrito á comunidade educativa do CEIP Raquel Camacho de que se apliaría o seu espazo de patio toda vez que para a construción da escola infantil se lle reduce o espazo. Malia a pregunta explícita da concelleira do BNG, o Goberno municipal non respondeu.