A pista de skate dos Rosais, cunha partida nos orzamentos de 2012, aínda non foi licitada
A Coruña, 11 de novembro de 2012.- A concelleira nacionalista Ermitas Valencia vén de presentar unha iniciativa sobre a construción da pista de skate, comprometida nos orzamentos de 2012, e que, a mes de novembro, aínda non saíu licitada. Valencia expón que na nosa cidade hai máis de medio milleiro de persoas, nas súa maioría mozos e mozas, que practican skate. E existe unha entidade, a Asociación Coruñesa de Skaters, que conta con cáseque 200 socios e socias e que leva tempo reivindicando unha pista de skate na Coruña.
Aínda que a construción da pista nos Rosais está recollida na partida 31.172.60902 dos orzamentos municipais de 2012, orzada con 164.501,69 euros, aínda non se licitou. Por este motivo, a concelleira do BNG pregúntalle ao Goberno municipal se a obra vai ser realizada no 2012 e cando pensa o sacar no perfil do contratante esta actuación. Tamén pregunta se a Concellaría de Medio Ambiente mantivo algún encontro con esta asociación para a construción da pista nos Rosais e se existe algunha colaboración ou acordo entre a Medio Ambiente para a construción desta pista no barrio.