O PP aproba o canon en Nostián cando aínda non fixo públicas as auditorías
A Coruña, 27 de decembro de 2013.- O Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego denuncia que o Goberno do Sr. Negreira aprobou hoxe en Xunta de Goberno Local o canon aplicábel aos distintos tramos de tonelaxe de entrada de residuos urbanos na planta de Nostián. E isto, malia que as auditorías externas aínda están sendo obxecto de análise polos servizos municipais e malia que o Sr. Negreira teima en ocultar os seus contidos.
Á vista do expediente, o Grupo Municipal do BNG destaca o carácter provisional e non definitivo deste acordo da Xunta de Goberno, tal e como lle recomenda ao PP a Asesoría Xurídica do Concello. E é que este acordo estaría condicionado polas posíbeis futuras actuacións, revisións ou comprobacións derivadas das conclusións que se tiren das ditas auditorías.
Nesta contexto, o Grupo Municipal do BNG volve reclamarlle ao Goberno Municipal que faga públicas as auditorías e deixe de ocultarllas tanto ao conxunto da cidadanía como ao Bloque.