"Pokemon": O BNG pregúntase por que permanece agochado o alcalde ante as imputacións
A Coruña, 27 de decembro de 2013.- O BNG da Coruña critica a ausencia pública do alcalde ante un asunto de tanta relevancia para o Concello e para a cidade como son as imputacións de concelleiros, asesores e funcionarios no marco da operación Pokemon. Salienta o Bloque que se trata de imputacións por presuntos delitos vinculados co exercicio da función pública na súa condición de autoridades municipais (como é o caso do concelleiro-portavoz do Goberno Local), de persoal de confianza que asesora o Goberno municipal e de empregados públicos.
O BNG pon de manifesto que o Sr. Negreira, presente na Xunta de Goberno Local desta mañá, tivo hoxe a posibilidade de explicar os detalles destas imputacións a cargos nomeados polo propio alcalde baixo o seu mandato. Porén, desde que se fixeron públicas as imputacións, o alcalde continúa agochado. Se, como entende o Partido Popular, está todo en regra, non pasa nada, hai que colaborar coa xustiza e hai que deitar transparencia sobre este procedemento xudicial, non se entende por que o Sr. Negreira non comparece publicamente para explicar e defender a xestión do seu Goberno municipal, nomeadamente, o seu portavoz e cargos de confianza.