Os datos do paro demostran que os gastos do PP en festas non crean emprego
A Coruña, 4 novembro de 2014- O Grupo Municipal do BNG sinala que os datos do paro publicados na mañá de hoxe polos Servizos Públicos de Emprego evidencian que os gastos millonarios que o Partido Popular destina ás festas non serven para crear emprego. Só no último mes ingresaron nas listaxes do desemprego 270 persoas na cidade da Coruña, é dicir, 9 parados e paradas ao día. Que as festas, ao contrario do que defende o Sr. Negreira, non crean emprego demóstrano os datos relativos ao paro por sectores. E é que no sector servizos, o que estaría vinculado coa posíbel creación de emprego relativa ás festas, o paro ascendeu a 259 persoas, é dicir o 95,9% do desemprego deuse no sector servizos.
Actualmente, hai 21.606 persoas en paro na cidade da Coruña, dos que 10.084 son homes e 11.522, mulleres. Estas cifras son, realmente, maiores, pois os datos do paro non recollen o impacto da crecente emigración nin as persoas que deixan de anotarse ás listaxes por desánimo.
Pola outra banda, as nacionalistas advirten de que a inmensa maioría dos postos de traballo creados son de mala calidade, o que provoca un maior empobrecemento non só das persoas que non teñen traballo, senón das que dispoñen dun emprego. A falta de que se fagan públicos os datos de contratación relativos ao mes de outubro, o BNG pon como exemplo de precariedade laboral os últimos datos publicados, os do mes de setembro. Segundo os datos de Emprego e da Seguridade Social, de 9.996 contratos que se asinaron en setembro na nosa cidade, 9.167, é dicir, o 91,70%, foron temporais e tan só 583, o 5,83%, foron indefinidos (os 246 restantes, un 2,46%, foron temporais convertíbeis a indefinidos).
En relación á creación de emprego, o Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que mentres as distintas Administracións non aposten por investir os cartos públicos nos sectores produtivos non se creará emprego de calidade.