O plan parcial do Ofimático é unha trapallada máis do Goberno municipal
A Coruña, 20 de abril de 2013.- O Grupo Municipal do BNG califica de trapalleira a modificación puntual ao plan parcial do sector S-10 parque Ofimático aprobada inicialmente no día de onte pola Xunta de Goberno Local. A non inclusión do recoñecemento de aproveitamento urbanístico de ADIF en igualdade de condicións que o resto de propietarios na aprobación da modificación puntual ao plan parcial do sector S-10, sinalan as nacionalistas, obrigará, de novo, a facer unha nova modificación do plan parcial.
O BNG manifesta que as trapalladas do Goberno do sr. Negreira fan que o do Ofimático sexa o conto de nunca acabar, como se evidencia agora coa modificación do plan parcial do Ofimático sen incluír os dereitos de ADIF e incumprindo resolucións dos tribunais. Así o propio goberno municipal é consciente de que non se inclúen na modificación do plan parcial as determinacións necesarias para darlle cumprimento á sentenza do Tribunal Supremo, de 14 de decembro de 2009, como se recolle na proposta de acordo á Xunta de Goberno Local (se ha optado por eliminar de la presente modificación puntual de plan parcial las determinaciones que puedan afectar a la ejecución de la sentencia del Tribunal Supremo de 14 de diciembre de 2009, por medio de la cuál se reconoce a RENFE su derecho al aprovechamiento urbanístico en igualdad de condiciones que el resto de propietarios del sector por los terrenos destinados a sistema general ferroviario y cuya solución técnica se ha remitido por parte del Ayuntamiento a ADIF el 15 de marzo de 2013) incumprindo por tanto os mandatos do propio tribunal.