O BNG emprende unha loita contra a discriminación do PP c@s nen@s que sofren diversidade funcional
A Coruña, 3 de febreiro de 2015- A deputada no Parlamento Carme Adán e a concelleira María Xosé Bravo deron conta esta mañá da loita institucional iniciada polo BNG contra a ofensiva discriminatoria do Partido Popular coas crianzas que sofren diversidade funcional, dado que o Concello da Coruña segue a excluír os nenos e nenas con necesidades educativas especiais non só dos campamentos de verán, senón tamén das actividades que oferta para a poboación infantil. Fixérono nunha rolda de prensa acompañadas por Sonia Hermida, nai afectada por esta política irracional e insensíbel do Sr. Negreira, que viu como a súa filla con diversidade funcional era rexeitada do campamento urbano que tivo lugar o pasado verán no Ágora, caso que foi denunciado en repetidas ocasións polo Bloque.
A parlamentar Carme Adán expuxo a batería de iniciativas presentadas na Cámara galega co fin de que o Goberno do Sr. Negreira acabe con esta situación excluínte e inxusta. A través dunha proposición non de lei, a deputada do BNG exíxelle á Xunta de Galiza que lle reclame ao Concello da Coruña o cumprimento de toda a normativa vixente sobre o acceso ao lecer e a educación das persoas con discapacidade e que, de xeito prioritario, se lle dea acceso a todos os nenos e nenas con diversidade funcional en todas as actividades que programe. Ademais, a nacionalista pregúntalle ao Goberno galego que medidas vai acometer para que non se exclúan os nenos e nenas con diversidade funcional das actividades programadas polo Concello.
Na rolda de prensa, Carme Adán, que citou ás distintas leis que garanten a inclusión das persoas na sociedade, denunciou que o Concello da Coruña está a vulnerar os dereitos das nenas e dos nenos con diversidade funcional ao non deixar inscribilos nas actividades infantís como o resto dos nenos. A deputada do Bloque salientou que é contraditorio que o Parlamento traballe na mellora da inclusión de todas as persoas con diversidade funcional nos diferentes ámbitos da vida á vez que o Goberno do Sr. Negreira exclúe as crianzas con diversidade funcional nas actividades e campamentos que organiza a Concellaría de Cultura.
Pola súa banda, a concelleira nacionalista María Xosé Bravo tamén deu conta da pregunta oral que formulará no vindeiro Pleno municipal que terá lugar este luns- para saber que criterios explican a exclusión da infancia con diversidade funcional dos campamentos e actividades de lecer organizados pola Concellaría de Cultura. Bravo explicou que desde o 2013, Cultura emprega a seguinte frase Estas actividades no cuentan con profesionales de apoyo para niños con necesidades educativas específicas tanto nos campamentos de verán como nas actividades para nenas e nenos entre 4 e 12 anos, que se realizan os sábados pola mañá.
A nai afectada leva a discriminación dos nenos e nenas con diversidade funcional ao Valedor
Pola súa banda, Sonia Hermida lamentou que o Goberno local continúe na súa idea de discriminar os pequenos e pequenas con diversidade funcional tamén nas actividades de lecer organizadas por Cultura. Sinalou que está á espera da resposta da Fiscalía ante a que denunciou o Concello co fin de que a exclusión non se repetise nas seguintes convocatorias- e anunciou que recorrerá ao Valedor do Pobo para pórlle fin a unha situación que cualificou como ilegal e inxusta e que ningún neno ou nena debería volver sufrir.