O BNG urxe o Sr. Negreira a esixirlle a Beatriz Mato que faga efectivo o pagamento da Risga
A Coruña, 3 de maio de 2013.- O Grupo Municipal do BNG denuncia que as persoas preceptoras da Risga (Renda de Integración Social de Galiza) aínda non cobraron a cantidade que deberían cobrar a 1 de maio. Precisamente, esta mañá, as nacionalistas recibiron denuncias de persoas que lles trasladaron a súa preocupación por non cobrar. De feito, o BNG ten constancia de numerosas chamadas no día de hoxe á Consellaría de Benestar, da que é responsábel a coruñesa Beatriz Mato, para coñecer os motivos do atraso.
O Grupo Municipal do BNG reclámalle ao Goberno do Sr. Negreira que lles esixa á súa compañeira de partido e amiga Beatriz Mato que solucione de inmediato o atraso no pagamento desta axuda, máxime cando estas persoas forman parte do colectivo máis desfavorecido da sociedade. As nacionalistas advírtenlle ao Partido Popular que os colectivos máis prexudicados pola crise deberan ser a máxima prioridade do Goberno galego e do Goberno municipal.
O Grupo Municipal do BNG considera inadmisíbel o atraso no pagamento desta prestación social e esixe premura no seu cobro, xa que se trata dunha axuda fundamental para que os perceptores poidan facerlles fronte ás necesidades básicas. E é que a Risga, dun importe de entre 399 a 600 euros, garante a subsistencia a quen carece dos recursos económicos.
As persoas preceptoras da Risga non poden permitirse o luxo de que non entre un céntimo na súa conta desde o 1 de abril
As nacionalistas advirten da gravidade que supón o atraso de días no cobro desta axuda que situacións de emerxencia social. Sinalan que estas persoas con dificultades económicas non poden permitirse o luxo de que a nefasta xestión do PP na Xunta de Galiza provoque que non entre un céntimo nas súas contas desde que o 1 de abril Benestar lles pagou por última vez. Moitas das persoas preceptoras da Risga satisfan con esta axuda os pagamentos dos gastos máis básicos e de subsistencia, como aloxamento, comida ou medicinas. Por iso, as nacionalistas salientan que non é de recibo ningún tipo de atraso no cobro desta prestación.
Precisamente, a 6 de febreiro de 2012, o Grupo Municipal do BNG se viu na obriga de denunciar que as persoas que perciben a Risga non cobraran o mes de xaneiro. Por iso, as nacionalistas esperan que non se repita tal atraso, que sume na desesperación as persoas máis desfavorecidas.