Paro: os datos demostran o medre do desemprego xuvenil e a precariedade laboral
A Coruña, 4 de agosto de 2014.- O Grupo Municipal do BNG sinala que os datos dos demandantes de emprego, paro, contratos e prestacións por desemprego do mes de xullo dados a coñecer hoxe polo Ministerio evidencian o medre do paro xuvenil e da precariedade laboral, xa que a maior parte dos contratos son contratos temporais, isto é contratos precarios. En total na provincia os contratos temporais son 33.492 fronte aos 2.171 contratos indefinidos, que tan só representan o 6,8% dos novos contratos de xullo, contratos estes que as últimas reformas laborais fixeron tamén que sexan precarios. E todo isto, lembran as nacionalistas, sen esquencer que segue a medrar o número de coruñesas e coruñeses que deixan a cidade para traballar no estranxeiro.
Os datos dados hoxe polo Ministerio de Empleo y Seguridad Social poñen de manifesto que o desemprego en menores de 25 anos na nosa cidade acrecentou (de 1021 en xuño a 1036 en xullo), así como as persoas que nunca tiveron emprego (de 1816 en xuño a 1821 en xullo). As cifras tamén evidencian o medre da precariedade laboral, xa que a maior parte dos contratos da provincia, o 93,2%, son temporais, conlevando que, cada vez máis, unha maioría de persoas entran e saen do mercado laboral con condicións salariais e laborais crecentemente precarizadas, cuns contratos de curta duración e de mala calidade, o que está a provocar un maior empobrecemento da poboación.
As nacionalistas tamén salientan, ademais, que na cidade da Coruña, das 530 persoas que descenden nas listaxes do paro, 380 son no sector de servizos un ámbito vinculado á temporalidade e á estacionalidade, o que supón contratos precarios.
Estes datos, advirte o Grupo Municipal do BNG, que reflicten unha realidade de máis paro xuvenil e de maior precariedade que provoca que a maioría da poboación viva peor na na cidade da Coruña, non recollen o número de coruñesas e coruñeses que deixan a cidade para traballar no estranxeiro. E é que, segundo os datos da estatística do Padrón de Residentes no Estranxeiro, a 01.01.2014, había 28.671 persoas do Concello da Coruña no exterior do Estado español, sendo maior o número de mulleres que marcharon, 14.532, que de homes, 14.139 (neste padrón de residentes no estranxeiro non reflicte os datos dos coruñeses e coruñesas que marchan para outros concellos pertencentes ao Estado español, motivo polo cal a emigración na cidade é aínda maior do que reflicte este padrón).