O Parlamento debate a proposición non de lei do BNG sobre o emprego en Teleperformance
A Coruña, 5 de xuño de 2013.- O Parlamento de Galiza debaterá mañá, xoves, na Comisión de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo, a proposición non de lei do BNG, relativa á destrución de postos de traballo na empresa Iberphone SAU, co nome comercial de Teleperfomance A Coruña. A través desta iniciativa, que será defendida pola deputada Montse Prado, o BNG trata de garantir os 105 postos de traballo na empresa e que o Goberno galego inste a Gas Natural Fenosa a rectificar a súa decisión de eliminar a atención ao cliente de Unión Fenosa Comercial. Ademais, a parlamentar nacionalista reclamará que a Xunta de Galiza realice as accións precisas para garantir os dereitos laborais das traballadoras da empresa.
Montse Prado denuncia "coa venda de Unión Fenosa vemos como os nosos recursos naturais xeran beneficios e dividendos fóra de Galiza sen deixar beneficio ningún no noso país". "Agora, tócanos presenciar como se levan tamén os postos de traballo das empresas colaboradoras que foron creados en paralelo ao crecemento da antiga Unión Fenosa", advirte.
Na inciativa, a deputada nacionalista expón que a atención ao cliente de Unión Fenosa Comercial se prestaba desde Galiza a todo o territorio estatal, mais non era así no caso de Gas Natural Servicios. Así, en Teleperfomance A Coruña prestaban servizos de atención ao cliente para Gas Natural Fenosa un total de 311 persoas, das que 105 se dedicaban ao servizo de Unión Fenosa Comercial. Montse Prado sinala que as persoas despedidas traballaban para este cliente desde había 21 anos e lembra que a propia Teleperformance lle trasladara ao persoal afectado que o Grupo Gas Natural Fenosa estaba altamente satisfeito co servizo que se prestaba desde A Coruña.