O BNG leva a Pleno unha moción para modificar a lei que estabelece as quitas ás preferentes
A Coruña, 5 de xuño de 2013.- A concelleira do BNG María Xosé Bravo deu conta en rolda de prensa da moción que levarán as nacionalistas á sesión plenaria de mañá, xoves, para modificar a Lei 9/2012, de 14 de nove novembro, de reestruturación e resolución de entidades de crédito, a normativa que estabelece as quitas ás persoas estafadas pola fraude das preferentes e das subordinadas. Precisamente, as nacionalistas levarán a Pleno a mesma iniciativa aprobada, a instancias do BNG, na Cámara galega por unanimidade de todas as forzas e que, paradoxalmente, ese mesmo día o PP tombaba no Congreso dos Deputados. Queremos saber se o Goberno municipal está do lado das vítimas ou dos ladróns, se está do lado das persoas aforradoras ou da banca, sinalou Bravo na rolda de prensa.
A concelleira nacionalista sinalou que o 28 de maio de 2013, o mesmo día en que o PP votaba a favor da proposición de lei do BNG para modificar a normativa que estabelece as quitas no Parlamento de Galiza e votaba en contra da mesma proposición de lei do BNG no Congreso dos Deputados, o alcalde da Coruña atopábase en Madrid. Gustaríanos crer que o Sr. Negreira, como presidente provincial do PP, estaba ese día en Madrid para tratar de convencer os deputados do seu partido de que apoiasen a iniciativa do BNG, que lle daría a solución definitiva ás persoas estafadas, apuntou. O alcalde vai ter mañá a oportunidade de se pronunciar a favor de cambiar a lei para acabar coas quitas ás preferentes e subordinadas, engadiu.
Na rolda de prensa, María Xosé Bravo tamén aludiu a que o até hai uns meses fora concelleiro do PP no noso Concello, Juan de Dios Ruano, hoxe deputado, que votou en Madrid a favor da lei que estabelece as quitas. Lembrou a nacionalista que Juan De Dios Ruano foi o número cinco da lista coa que concorreu o Sr. Negreira ás eleccións municipais e amosou o desexo das nacionalistas de que este feito non impida que o alcalde lle dea luz verde á moción do BNG. O Goberno municipal ten o deber de poñerse ao lado das persoas estafadas, que xa levan un mes pechadas no Concello, afirmou. Non se lles pode esixir máis paciencia e máis aguante ás persoas por parte das Administracións, engadiu a concelleira nacionalista.
O obxectivo da moción: A devolución íntegra do valor nominal das participacións preferentes e débeda subordinada
María Xosé Bravo expuxo que na moción o Grupo Municipal do BNG solicita que o Pleno da Corporación faga súa a proposición de reforma da Lei 9/2012, de 14 de novembro, de reestruturación e resolución de entidades de crédito, para garantir a devolución íntegra do valor nominal das participacións preferentes e outros instrumentos híbridos de capital e débeda subordinada aos aforradores e pequenos investidores sen experiencia financeira, aprobada por unanimidade das forzas políticas con representación no Parlamento de Galiza, o día 28 de maio de 2013. Tamén pedirán as nacionalistas que o Pleno da Corporación Municipal da Coruña emprace o Congreso dos Deputados a modificar esta normativa en base á proposición de lei debatida no Congreso dos Deputados o 28 de maio de 2013.
Por último, as nacionalistas piden na moción que o Pleno adopte as medidas oportunas para instar a todas as Administracións a levar a cabo unha solución satisfactoria á fraude das preferentes e subordinadas, unha solución que debe pasar, necesariamente, pola devolución íntegra do nominal investido nestes títulos, sen que se apliquen rebaixas ou descontos de ningún tipo. No BNG sempre mantivemos a mesma solución para as persoas estafadas: a devolución íntegra dos aforros, o cento por cento, e en líquido, non en produtos financeiros, concluíu María Xosé Bravo.
Só queremos os nosos cartos, estamos desesperados
Na rolda de prensa interviron, tamén, persoas afectadas pola fraude das preferentes. Un dos estafados sinalou que fomos enganados e lamentou que o alcalde da Coruña se ría de nós. Sinalou que cada día, ás portas do Palacio Municipal de María Pita, o Sr. Negreira pasa por nós coma se non pasase nada, e iso que lle pedimos que falase con Feijóo e cos responsábeis de NovaGalicia Banco e non fixo nada. Só queremos os nosos cartos, estamos desesperados, salientaron.