Os orzamentos de 2015 implicarán unha maior carga financeira, que ascende a 15,29 millóns
A Coruña, 11 novembro de 2014- Nunha primeira análise despois de ter acceso á documentación relativa aos orzamentos municipais de 2015, o Grupo Municipal do BNG salienta que a nefasta xestión económica do Goberno do Sr. Negreira no Concello da Coruña evidénciase nas contas do ano que vén, que implicarán un aumento da carga financeira -os capítulos III (gastos financeiros) e o capítulo IX (amortización de capital dos empréstitos pendentes de reintegro), que se situará nos 15.297.140,73 euros.
A carga financeira total aumenta un 4,28% respecto dos orzamentos municipais de 2014
As nacionalistas salientan que a carga financeira do Concello sobe, respecto dos orzamentos de 2014, en 628.250,95 euros. Dos 15.297.140,73 euros do total, 2.893.080,54 corresponden a xuros, comisións e gastos e 12.404.060,19 euros corresponden a amortización. Polo tanto, a carga financeira total aumenta un 4,28% respecto dos orzamentos municipais de 2014. Este gasto derivado dos empréstitos bancarios que pide o PP supón o 6% do orzamento total de 2015.
O Ministerio de Facenda estima que o Concello acabará o 2014 cunha débeda viva de 81,83 millóns
Pola outra banda, o Grupo Municipal do BNG sinala que o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas estima que a débeda viva do Concello (o capital pendente de amortizar cos bancos) ascenderá a 31 de decembro de 2014 a 81,83 millóns de euros. O Ministerio reflicte esta consideración nun informe trimestral de seguimento de magnitudes e endebedamento do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas (achégase dixitalizado). Lembra o Bloque que a a débeda viva a 1 de xaneiro de 2014 era de 78,21 millóns de euros.
O informe do Ministerio de Facenda recóllese na documentación relativa á solicitude de ampliación en 120 mensualidades máis dos saldos debedores derivados das liquidacións definitivas da participación en tributos do estado dos anos 2008 e 2009. Precisamente, esta solicitude de ampliación do prazo en 120 mensualidades (no canto das 60 mensualidades inicialmente previstas), será debatida no pleno municipal do vindeiro martes.
Por último, as nacionalistas denuncian que os empréstitos derivados dos dispendios do Partido Popular provocan que o Concello da Coruña aumente tanto a carga financeira como a débeda viva, un capital pendente de amortizar cos bancos que medra ano após ano e que fai situar a débeda, a día de hoxe, nunha das máis altas historicamente.