A declaración de zonas GAT terá que ir ao Pleno
A Coruña, 11 novembro de 2014- O Grupo Municipal do BNG advirte de que a declaración de zonas de Grande Afluencia Turística (GAT) terá que ir ao pleno da Corporación municipal, logo de pasar pola Comisión informativa de Facenda e Administración Pública, ao non terse oposto o Goberno do Sr. Negreira á barra libre dos horarios comerciais como fixo Vigo. Lembran as nacionalistas que mesmo o portavoz do Partido Popular de Vigo chegou a trasladar, publicamente, a fonda preocupación do comercio minorista vigués para que a cidade de Vigo fose excluída desta medida salvaxe, algo que, efectivamente, se logrou polo ben do pequeno comercio.
A 5 de xullo de 2014, día da publicación no BOE do Real Decreto Lei de medidas urxentes para o crecemento, a competitividade e a eficiencia, o BNG sinalaba nunha nota de prensa que a liberalización de horarios comerciais se aplicaría a toda a cidade se, transcorridos seis meses desde a entrada en vigor desta medida, a Xunta non aprobase a delimitación de zona de grande afluencia turística a proposta do Concello. De aí que a proposta do Goberno do Sr. Negreira vaia agora a Pleno.
O BNG xa amosara a súa oposición Real Decreto Lei de medidas urxentes para o crecemento, a competitividade e a eficiencia, aprobado o 4 de xullo de 2014, por incluír a cidade dentro da liberalización dos horarios comerciais. O Bloque denunciou entón que esta medida ía prexudicar o pequeno e mediano comercio en beneficio das grandes áreas comerciais e multinacionais. Tamén alertara de que a barra libre dos horarios comerciais ía implicar un empeoramento das condicións de traballo das persoas empregadas nos estabelecementos sen limitación de horarios.