Carril reivindica en Elviña o dereito a vivir no rural fronte á especulación urbanística
A Coruña, 5 de marzo de 2015- O cabeza de lista do BNG-Asembleas Abertas, Xosé Manuel Carril, reivindicou esta tarde en Elviña o dereito a vivir no rural fronte á especulación urbanística. Fíxoo acompañado doutros membros da candidatura, como Anxo Sánchez ou Suso Bermello, que tamén participaron na concentración semanal convocada polas persoas afectadas pola urbanización do Ofimático. Precisamente, as nacionalistas levan desde novembro de 2011 acompañando a veciñanza de Elviña nas súas protestas pacíficas contra o Parque Ofimático.
Amais de participar na concentración veciñal, Carril estivo percorrendo o núcleo rural para recoller as propostas dos veciños e veciñas no marco da campaña de #TodasAsCoruñas. No que vai de día, os candidatos do BNG-Asembleas Abertas recolleron máis de 30 propostas, entre as que figura a modificación do Plan Parcial do Ofimático e do PXOM para a exclusión dos veciños e veciñas de Elviña do Sector S-10 do Ofimático.
Entre outras actuacións demandadas pola veciñanza de Elviña e do Castro de Elviña que o BNG-Asembleas Abertas recollerá no programa electoral atópase a instalación de redes de sumidoiros e de pluviais nas zonas nas que non existe e a actuacións de rehabilitación integral destes lugares. Así, veciños e veciñas demandan a recuperación de espazos públicos no Castro de Elviña e en Elviña, a rehabilitación de elementos etnográficos de propiedade municipal, a recuperación de camiños históricos e públicos que foron cortados pola Terceira Rolda, a sinaléctica da toponimia para acabar coa deturpación, a elaboración dun plano de mobilidade para transeúntes ou a inclusión de Elviña e do Castro na programación cultural da Coruña.
Como colofón á visita da caravana de #TodasAsCoruñas a Elviña terá lugar ás 19h unha reunión entre membros da candidatura do BNG-Asembleas Abertas e a AVV Os Rexumeiros.