As obras da estrada provincial A Coruña-Arteixo non estarán rematadas até outubro de 2015
A Coruña, 31 de xullo de 2014- En resposta a unha batería de preguntas realizadas polo Grupo Provincial do BNG a instancias do Grupo Municipal do BNG da Coruña, a Deputación vén de confirmar as sospeitas das nacionalistas: as obras da estrada provincial DP 0512 que unen A Coruña con Arteixo e atravesa O Birloque e Feáns levan desde setembro de 2013 bloqueadas por problemas coa empresa adxudicataria- tardarán máis de un ano en estar rematadas. Na resposta (achégase xunto á nota), o ente que preside o Sr. Calvo admite que aínda a día de hoxe o Servizo de Contratación está a elaborar o informe previo para poder resolver o contrato; é dicir, a Deputación aínda non lle notificou ao contratista a anulación do contrato, que fora adxudicado á empresa UTE Birloque-Arteixo en 08.12.2011 por un orzamento de 650.051,10 euros e cun prazo de execución de oito meses.
Ademais, tal e como recoñece a Deputación, desde o momento da notificación ao contratista, a tramitación oscila ao redor de tres meses, tendo en conta o período de alegacións e o tempo de informe de que dispón o Órgano Consultivo. Engade que este prazo podería verse alongado, pois pode prorrogar o prazo de resposta, o que aumentaría o tempo previsto. Unha vez se anule o contrato, cuxo trámite duraría tres meses como mínimo, poríase en marcha a nova adxudicación, asegura a Deputación provincial na resposta ao BNG, cuxo proceso se alongaría entre tres ou catro meses.
Á vista desta resposta, as obras aínda darían comezo, no mellor dos casos, en sete meses (tres meses, como mínimo, do trámite de resolución do contrato, máis tres ou catro meses para o proceso da nova adxudicación). A este tempo de tramitación, hai que lle sumar a duración prevista das obras que segundo os cálculos da Deputación tería un prazo de execución de oito meses. Isto significa que as obras da estrada non concluirían até dentro de 15 meses como mínimo; é dicir, até outubro de 2015.
O BNG exíxelle premura o Sr. Negreira
Neste contexto, o Grupo Municipal do BNG exíxelle ao Sr. Negreira que deixe de inhibirse e mova ficha, pois non pode permitir que esta estrada que atravesa o termo municipal da Coruña teña as obras bloqueadas desde setembro de 2013 e que a nova adxudicación vaia ter lugar en sete meses no mellor dos casos. As nacionalistas insisten en que o alcalde da Coruña debe actuar de inmediato para que se axilicen ao máximo os trámites e se conclúan as obras canto antes.
O BNG lembra que estas obras teñen como finalidade o ensanche da estrada e a mellora do seu trazado e do seu firme. Trátase dunha estrada moi transitada que, dada a súa actual situación, supón un grande risco para os e as condutoras, xa que existen importantes desniveis no ensanchamento e polas noites é escasísima a iluminación.