A Oktoberfest, unha competencia desleal para a hostalaría da cidade
A Coruña, 31 de xullo de 2014- O Grupo Municipal do BNG denuncia a competencia desleal que representa a festa da cervexa (Oktoberfest) para a hostalaría da cidade, un evento privado que ten unha duración de 18 días e que se celebra en pleno mes de agosto, precisamente, cando a hostalaría local podería ter máis vendas. As nacionalistas fanse eco das protestas dos hostaleiros e hostaleiras, e advirten de que, segundo cálculos do sector, o descenso de facturación da hostalaría local rondaría o millón de euros.
O Grupo Municipal do BNG advirte de que a competencia desleal tamén se dá en relación ao cumprimento das normativas vixentes. Lembran as nacionalistas que os hostaleiros e hostaleiras da cidade fan un grande esforzo para cumprir coa normativa respecto dos ruídos, do tabaco, de prevención de riscos, de calidade ambiental ou en materia hixiénico sanitaria. Porén, e segundo denuncian os afectados e afectadas, en eventos como a Oktoberfest non se garante o cumprimento en materia hixiénico sanitario e mesmo chegan a incumprirse algunha das normas, como a lei antitabaco ou a entrada e o consumo de bebidas alcólicas por parte de menores.