#NuncaMáis: O BNG reivindica que as costas galegas sexan gobernadas por Galiza e non por Madrid
A Coruña, 1 de decembro de 2013.- Como membro da plataforma, o Bloque Nacionalista Galego participou na manifestación de Nunca Máis que percorreu as rúas da Coruña na mañá de hoxe. Entre as máis de 15.000 persoas que se sumaron á convocatoria atopábanse o portavoz parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, o portavoz do BNG no Concello da Coruña, Xosé Manuel Carril, as concelleiras do BNG na Coruña e noutras vilas da comarca, o responsábel comarcal, Paulo Carballada, e os responsábeis do BNG nas localidades, amais de numerosa militancia.
En declaracións aos medios, o portavoz parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, puxo de manifesto que hoxe o pobo galego reivindica a súa dignidade fronte a unha sentenza que instaura a impunidade en Galiza e que vén dicir que contaminar Galiza saia de balde. A única que pagou foi Galiza, asumindo as consecuencias ambientais e económicas da catástrofe, sinalou.
O BNG reivindica as competencias en seguridade marítima
O portavoz parlamentar do BNG denunciou que once anos despois do Prestige, se hoxe tivésemos outro verquido de 76.000 toneladas de chapapote, as nosas costas seguirían igual de indefensas,. Criticou que as costas galegas sigan gobernadas desde a meseta e que o noso mar estea gobernado desde Madrid. Neste contexto, Jorquera exixiu que Galiza teña plena competencia sobre as costas e plena competencia en materia de seguridade marítima.